O BNG amosa o seu apoio ao sector conserveiro por ser “de vital importancia” para a economía galega.
Unha delegación do BNG integrada pola eurodeputada Ana Miranda(integrante da Comisión de Pesca da Eurocámara), a deputada Carmela González e o deputado Brais Ruanova, (integrantes da Comisión de Pesca e da Comisión de Industria do Parlamento Galego, respectivamente) mantiveron unha reunión en ANFACO-CECOPESCA na que trasladaron a aposta do Bloque por un sector de “vital importancia” para a economía galega.
“No BNG apostamos pola nosa industria e pola industria conserveira galega, un sector importantísimo en moitas das nosas vilas, un sector internacionalizado e un sector que crea moito emprego”, subliñou Ana Miranda tras o encontro mantido co secretario xeral de ANFACO, Roberto C. Alonso Baptista de Sousa; así como cos integrantes da asociación, Rosa Nieto Pombar e Juan MontánsPiñeiro.
No encontro abordáronse diversas cuestións relacionadas co sector transformador de peixe e marisco, así como problemáticas que afectan aos acordos internacionais pero tamén a ausencia da política comercial e apoio industrial da Unión Europea.
“Non podemos permitir que baixo o paraugas da política comercial ausente da Unión Europea se deixe a este sector en segundo lugar como vén pasando nestes anos, polo tanto tamén en Europa defenderemos a industria transformadora galega”, sinalou ao respecto a eurodeputada galega, quen destacou que a relevancia de ANFACO-CECOPESCA -fundada en 1994 en Vigo- radica en que conta con 250 empresas asociadas e unha facturación global de máis de 12.100 millóns de euros.