O Pazo de Mariñán acollerá o 22 de novembro a nova xornada do programa ‘A cultura é un dereito’

por Redacción A Coruña

Ugia Pedreira será a comisaria dun ciclo dedicado á relación entre arte e saúde e que porá o foco na música como ferramenta social e terapéutica.

As actividades culturais e artísticas poden promover a saúde, «mellorar enfermidades físicas e mentais, aportar beneficios ao noso benestar e apoiar tratamentos sanitarios a nivel cognitivo, emocional e físico en todas as etapas da vida», afirma Ugia Pedreira, comisaria de ‘Arte e saúde. A música’, a 18ª xornada do programa ‘A cultura é un dereito’, do departamento de Cultura provincial, que se vai celebrar o 22 de novembro no Pazo de Mariñán.

A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento e a Asociación A Memoria é Náufraga colaboran na organización dun ciclo que reunirá a destacados especialistas: a propia Pedreira, Antoni Rodríguez Fornells, profesor de Investigación ICREA no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge e na Universidade de Barcelona; o guitarrista e compositor Robert Pier; a pianista Mihaela Duma; o narrador Cristian Terán; o catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Salas, a musicoterapeuta e pianista Laura Navarro, e Chefa Alonso, doutora en Performing Arts pola Brunel University, licenciada en Medicina pola USC, saxofonista, compositora, improvisadora e docente.

A xornada está dedicada á relación entre arte e saúde e porá o foco na música como ferramenta social e terapéutica. Inclúe relatorios, un obradoiro de improvisación libre aberto ao público e unha mesa redonda na que Pedreira explicará o proceso creativo de «Basal», o seu traballo musical máis recente; Pier, paciente de hemiparesia e outras patoloxías mentais, falará de como integrar a diversidade funcional dentro do ámbito cultural de forma accesíbel; e Duma, diagnosticada de esclerose múltiple, contará a súa experiencia coa enfermidade como testemuña e divulgadora desde os ámbitos da educación o pensamento e a comunicación.

«Consicentes de que a cultura é un dereito, trasnversal ás nosas vidas, promovemos estas xornadas para afondar en outros aspectos da vida cotiá, tan esenciais como a saúde, e que están profundamente ligados coa arte e a cultura en xeral», sinalou a deputada de cultura, Natividade González.

Programa

10.15-11.45 h. «Música e cerebro: bases cerebrais do procesamento musical. O potencial da música na neurorehabilitación». Antoni Rodríguez Fornells.

12.15-14 h. Mesa ‘Experiencias de vida’:

  • «Basal. Composición e diversidade funcional desde o corpo-casa». Ugia Pedreira.
  • «O meu mestre, o lado esquerdo». Robert Pier.
  • «Un camiño cara a superación da esclerose múltiple». Mihaela Duma e Cristian Terán.

16-17:30 h. «Proxecto de investigación: Sensoxenoma». Antonio Salas e Laura Navarro.

18-20 h. Obradoiro de improvisación libre, de participación aberta ao público. Con Chefa Alonso.

Haberá un servizo de interpretación de lingua de signos.

A asistencia á xornada é de balde e o aforo, limitado. A inscrición pode formalizarse dende mañá 1 de novembro ata as 16 horas do 20 de novembro. O formulario está dispoñible na sección habilitada na web https://aculturaeundereito.gal/

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario