A Universidade de Stanford, Estados Unidos, acaba de incluír 23 membros do PDI da Universidade da Coruña na listaxe onde identifica o 2% dos científicos máis influentes do mundo en todas as áreas de coñecemento. Esta clasificación analiza persoal investigador de todo o mundo a través da base de datos Scopus, proporcionada pola editorial Elsevier, que ordena en campos e subcampos científicos.
A World’s Top 2% Scientist List que así se denomina a lista, xera dúas clasificacións, a primeira, que inclúe toda a traxectoria do persoal investigador, e unha segunda referida ao último ano de resultados.
Na primeira delas, a que inclúe toda a traxectoria, a UDC conta con 15 investigadores e investigadoras, onde as disciplinas que contan con maior representación son Química e Medicina Clínica, seguidas das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas, e tamén a Investigación Biomédica.
Nesta listaxe aparecen Tiago M. Fernádez Caramés, do Departamento de Enxeñaría de Computadores; Christian Kennes, Carlos Jiménez, Carlos Platas Iglesias, Emilia Iglesias e María del Carmen Veiga, do Departamento de Química; María Isabel González Siso, do Departamento de Bioloxía; Darío Prada Rodríguez, do CICA; Ángel Fernández Flores, do INIBIC; Blanca Laffon, do Departamento de Psicoloxía; Alejandro Pazos e Verónica Bolón Canedo, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, José A. Orosa, do Departamento de Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña; e Francisco Javier Blanco e María Generosa Crespo, do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas.
En canto á listaxe que ten en conta as citas recibidas no ano 2023 son 17 as persoas incluídas, en que a área máis representada é Medicina Clínica, seguida das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, a Investigación Biomédica, a Química, a Economía e Empresas, a Bioloxía, as Ciencias da Terra e Medioambientais, e as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas. Aquí aparecen tamén Tiago M. Fernández Caramés, Verónica Bolón Canedo, Carlos Jiménez, Christian Kennes, Blanca Laffon, Ángel Fernández Flores, Carlos Platas Iglesias, Francisco Javier Blanco e María Generosa Crespo Leiro; e incorpóranse Paula Fraga Lamas e Diego Darriba, do Departamento de Enxeñaría de Computadores; Cristina Calvo-Porral, do Departamento de Empresa; Vanessa Valdiglesias, do Departamento de Bioloxía; Amparo Alonso Betanzos, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información; Manuel López Vicente, do Departamento de Física e Ciencias da Terra; Ana Fernández González, do INIBIC; e Daniel López, do Departamento de Ciencias da Saúde.
O Ranking of the World Scientists: World´s Top 2% Scientists está considerado como un dos máis prestixiosos do mundo, e este ano publica a súa sétima edición a Universidade de Stanford en Elsevier, tras a avaliación da información estandarizada sobre a produción científica, citas e outros indicadores bibliométricos de máis de 200.000 persoas investigadoras de todo o mundo procedentes de universidades, hospitais, centros e institutos de investigación.
Acceso á clasificación completa nesta ligazón