“Cedeira Mar de Vida” é un proxecto organizado polo Concello de Cedeira coa financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.
O proxecto plurianual “Cedeira Mar de Vida” céntrase na promoción de hábitos de vida saudables a través do consumo de alimentos de proximidade, poñendo especial foco na pesca local e fomentando a actividade física, xunto cunha alimentación equilibrada, especialmente entre as novas xeracións.
Para conseguilo, en esta anualidade deseñáronse unha serie de obradoiros para escolares da vila nos que traballar as bases dunha alimentación sa a través do consumo de produtos locais coa colaboración de cociñeiros/as do territorio. Do mesmo xeito, nestas sesións traballarase nas claves para ter unha vida activa facendo fincapé no coidado dos recursos do litoral, a biodiversidade e o medio mariño como elementos clave para unha alimentación e vida sa.
Como complemento a estas sesións, organizarase un certame escolar con dúas temáticas: a alimentación e un estilo de vida saudable, convidando ás e ós escolares a traballar en propostas que promovan unha vida activa. Os escolares disporán igualmente de material didáctico creado especialmente para este proxecto, destacando un caderno de actividades orientado á promoción do litoral, a súa biodiversidade, os espazos extractivos e produtivos así como das xentes do mar, visibilizando o sector e promovendo a realización de actividade física na súa contorna.
«CEDEIRA MAR DE VIDA: fomento dun estilo de vida saudable entre os escolares da vila» é un proxecto organizado polo Concello de Cedeira coa financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.