Como cada día 8, a Área de Igualdade da Deputación de Ourense activa a súa iniciativa «8M, mes a mes», que consiste en realizar un destacamento especial á muller e a súa importancia no mundo laboral, poñendo en valor o seu labor durante todo ano, sobre todo en sectores tradicionalmente masculinizados. Neste 8M, a iniciativa destaca a importancia das mulleres na Ciencia e a Investigación, encarnada na doutora Julia Carballo Rodríguez.
Así, tendo en conta a elección deste mes, o lema seleccionado é «Fermentando o feminismo», en relación ao poder dos microorganismos que realizan a fermentación, pois a muller seleccionada é experta en Microbioloxía. Julia Carballo é doutora en Farmacia e traballa como investigadora no Campus Auga da Universidade de Vigo. Desde hai máis de 30 anos ten o seu posto de traballo como investigadora na área de Microbioloxía da Facultade de Ciencias e imparte clases nos graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais. Tamén participa en Aprendizaxe-Servizo no proxecto Micromundo no que, mediante a colaboración entre alumnado universitario e alumnado de Secundaria e Bacharelato, fai divulgación da problemática da resistencia bacteriana aos antibióticos e á procura de novos microorganismos produtores.
A doutora Carballo está volcada en apoiar a ciencia e a tecnoloxia, polo que promove a inserción das mulleres na mesma a través do colectivo «eXXperimenta en feminino» (http://exxperimentaenfeminino.webs.uvigo.es/es/inicio), do que é co-fundadora e que anualmente organiza unha xornada e actividades divulgativas dirixidas a atraer nenas ás titulacións científico-técnicas. Nestas xornadas tamén se amosa á sociedade en xeral o traballo das mulleres científicas para así poder visibilizar á muller na Ciencia algo que hai anos era pouco visible.