A Xunta aumenta ata os máis de 18,2 M€ as axudas para incentivar a contratación de persoas desempregadas permitindo acadar as 1.660 beneficiarias

por Redacción Galicia

A iniciativa vai dirixido á contratación indefinida de mulleres pero tamén da mocidade, persoas paradas de longa duración, retornados, estranxeiros, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e maiores de 52 anos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que incrementa en máis de 700.000 euros -ata acadar un orzamento total superior aos 18,2 millóns- o orzamento do programa Galicia Emprega 2024, que busca incentivar a contratación de persoas desempregadas na empresa, centros especiais de emprego, entidades sen ánimo de lucro e empresas de inserción. En concreto, o aumento presupostario afecta ao apartado dirixido ás mulleres, posibilitando a contratación dun total de 664 (43 máis do inicialmente previsto) e acadando unha cifra total de beneficiarios na convocatoria deste ano de 1.660.

Cómpre lembrar que a actuación está dirixida á contratación indefinida das persoas con máis dificultades para atopar un posto de traballo como son a mocidade (6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (9.000 euros), mulleres (10.000 euros),  emigrantes retornados ou estranxeiros (9.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (14.000 euros). Como novidade nesta edición, redúcese de 55 a 52 anos o acceso ao incentivo deste colectivo, que contan para a súa contratación cun apoio base de 9.000 euros.

Estas contías base por cada contrato que se desenvolva poden incrementarse nun 15%, sendo acumulables entre si, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou se a contratación se realiza con mulleres nunha actividade económica con subrepresentación feminina, entre outros. Por cada contratación indefinida inicial que se realice, ademais, poderán solicitarse ata 4.000 euros para formación no centro de traballo.

Galicia Emprega, así mesmo, contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.

A contía máxima posible de axuda, de aplicarse todos os incrementos, é de 24.500 euros por persoas contratada, que pode aumentar en 4.000 euros co bono formación. Cómpre engadir que o prazo de solicitude destes apoios finalizou o pasado 30 de setembro pero, co aumento de crédito publicado hoxe, poderase chegar a máis persoas beneficiarias das inicialmente previstas.

Ligazóns á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241107/AnuncioG0767-301024-0001_gl.html

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario