A directora de Artworld Law, Marta Suárez-Mansilla, experta en dereito daarte, cultura e novas tecnoloxías, impartirá un taller formativo o vindeiro 13 de novembro, ás 17:30 horas, dentro do Ciclo HumanIA, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co CITIC.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro mércores, día 13 de novembro, ás 17:30 horas, unha nova sesión do Ciclo HumanIA: o Desafío para as Humanidades en Tempos da Intelixencia Artificial, un espazo de aprendizaxe no que a comunidade universitaria e os profesionais de diversas disciplinas poden descubrir como a IA está transformando a sociedade e os postos de traballos relacionados coas humanidades.
O ciclo está organizado polo Consello Social da Universidade da Coruña e a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol en colaboración co CITIC, co obxectivo de promover un diálogo no que se amosen novas formas de comprender a arte, a cultura, a historia e a linguaxe co apoio da tecnoloxía máis innovadora.
Nesta nova sesión de novembro será Marta Suárez, avogada, investigadora e xestora cultural, a encargada de falar sobre “Arte e creatividade na era da IA”. Como directora de Artworld Law, unha asesoría especializada, ofrece servizos centrados no mercado da arte e a protección do patrimonio, cun enfoque nos desafíos dixitais contemporáneos, como o blockchain, o metaverso, os NFTs e a intelixencia artificial.
Marta Suárez Mansilla
Marta Suárez Mansilla ten unha sólida traxectoria na consultaría xurídica e a xestión cultural, especialmente no ámbito da arte contemporánea, onde ten traballado tanto con creadores como con profesionais do sector. Liderou proxectos culturais nos sectores público e privado e segue vencellada a diversas asociacións culturais que dirixiu.
A experta combina, ademais, o seu traballo profesional coa investigación académica, tendo realizado unha estancia profesional na ONU e participado como docente en múltiples universidades. O seu traballo e publicacións sobre arte, dereito e novas tecnoloxías son amplamente recoñecidas.
HumanIA
Este taller enmárcase no Ciclo formativo HumanIA UDC: o Desafío para as Humanidades en Tempos da Intelixencia Artificial, nado no pasado curso e que ten como obxectivo mostrar o impacto e a potencia da intelixencia artificial nos estudos e os postos de traballo relacionados coas humanidades.
O experto en Dereito Dixital Borja Adsuara Varela; o físico Paul Van Branteghem; a especialista en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina; e Cristina Aranda, experta en asesoramento tecnolóxico e diversidade, foron as persoas encargadas de impartir os catro talleres formativos do ciclo no curso 2023/2024.
Tras o éxito da pasada edición, na que participaron más de 400 persoas, neste novo curso continúase a explorar a intersección entre as humanidades e a IA, promovendo un diálogo enriquecedor sobre o impacto desta en áreas como a arte, a cultura e a linguaxe.