Formoso reivindica na Pobra o “apoio  fundamental”  da Deputación para mellorar infraestruturas  e servizos nos pequenos municipios e anuncia un incremento do 72% do Plan Único en 2025

por Redacción A Coruña

O presidente da Deputación da Coruña visitou hoxe o concello da Pobra, onde o Plan Único leva investidos 4,5 millóns e financia este ano 14 obras e numerosos servizos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao concello da Pobra do Caramiñal, onde reivindicou a importante contribución da institución provincial para a mellora de infraestruturas e servizos públicos, especialmente nos concellos máis pequenos da provincia, e anunciou un importante incremento do 72% do orzamento do Plan Único para 2025.

Formoso foi recibido á súa chegada ao Concello da Pobra polo alcalde, José Carlos Vidal, e a tenente alcalde, Patricia Lojo, cos que participou nunha reunión con outrosmembros do equipo de goberno municipal e portavoces dos distintos grupos políticos con representación na corporación local, na que analizaron os investimentos e necesidades do municipio.

O presidente destacou que a Deputación presta “un apoio fundamental para o financiamento de obras e servizos nos municipios, nun momento no que a Xunta de Galicia carga cada vez máis competencias aos concellos sen dotalas dos fondos que necesitan”. 

Neste sentido, sostivo que o Plan Único “supuxo multiplicar entre tres e catro veces os fondos que reciben os concellos por parte da Deputación, o que permite que municipios como A Pobra modernicen as súas infraestruturas e presten máis e mellores servizos á cidadanía”. Desde servizos básicos como o saneamento e abastecemento de auga ou renovación de espazos públicos ata cuestións sociais como o servizo de axuda no fogar, o Plan Único supón a día de hoxe a principal vía de financiamento para a maioría dos concellos. 

Máis de 13 millóns nos concellos de Barbanza

Formoso apuntou que os concellos da comarca de Barbanza recibiron este ano máis de 13 millóns de euros do Plan Único (POS+2024) e executarán 66 obras con cargo a eses fondos, das que 14 serán no concello da Pobra. Entre elas, proxectos como as melloras da accesibilidade na praia dos Areos e da praza de abastos, a pavimentación de viais no polígono industrial da Tomada, a construción dun novo centro cultural en Santa Cruz, o saneamento de Ouxo e San Isidro, a construción de beirarrúas na estrada da Ponte a Bandaseca, a instalación dunha pista de pádel no recinto deportivo do Raquel Fernández Soler ou as melloras no entorno da praia da Lombiña.

Unhas cifras que se incrementarán aínda máis de cara ao vindeiro ano xa que, segundo anunciou o presidente, o orzamento da Deputación para 2025 ascenderá a 240 millóns de euros (un 8% máis), dos que máis de 105 millóns serán transferidos directamente aos concellos a través do Plan Único, que pasa de 50 a 86 millóns de euros de orzamento inicial, e do anticipo das liñas de subvencións para concellos, que suman 19,4 millóns. Isto permite, por exemplo, que o Concello da Pobra reforce o seus servizos sociais coa contratación de dúas persoas, preste 3.600 horas de servizos de axuda no fogar, contrate a unha cuadrilla de traballadores para a limpeza de praias durante o verán ou dispoña dun técnico de deportes, de cultura ou persoal de atención ao público no Museo Valle Inclán. 

O presidente provincial destacou que este apoio da Deputación aos municipios “favorece o acceso aos servizos sociais, á cultura ou o deporte, de forma que os concellos máis pequenos poden contar con persoal para ofrecer servizos de calidade, ao nivel das vilas e cidades con máis poboación e recursos”.

Un aspecto no que tamén incidiu o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, que ademais da contribución da Deputación á creación de emprego e á mellora dos servizos municipais no concello da Pobra, subliñou especialmente “a importante axuda” que supón o POS+ “que nos permite levar a cabo determinadas obras que doutra forma non poderiamos facer porque as axudas que temos de outras administracións non son suficientes para permitirnos facer cousas”. 

Formoso,  Vidal e Lojo visitaron durante a xornada distintas obras financiadas pola Deputación no municipio, como a mellora integral do núcleo de Mirandela, que supuxo un investimento de 150.000 euros para dotar á zona de nova pavimentación e servizos como saneamento e abastecemento de auga, recollida de pluviais ou alumeado público canalizado, eliminando así o tendido aéreo. 

A tenente de alcalde, Patricia Lojo, agradeceu o apoio da Deputación “para acometer esta obra moi demandada pola veciñanza, unha actuación integral que dota de mellores servizos á zona. Ás  veces parece que todas as actuacións se centran nos núcleos máis urbanos, pero estas son actuacións moi importantes porque temos moitos veciños no rural que deben ter acceso a mellores servizos e infraestruturas”, afirmou. 

Posteriormente, supervisaron tamén o resultado das obras de reforma do entorno do cruceiro de Abuín-San Isidro, na que se investiron 44.000 euros para dotar á zona de nova pavimentación de lastro de granito, máis acorde co entorno, e de mobiliario urbano, con bancos de aceiro e madeira, creando un espazo mellor integrado e máis habitable para a veciñanza.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario