O programa de deporte escolar ‘Xogade’ promove este trimestre en Lugo actividades de espeleoloxía, escalada ou parkour

por Jorge García

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu hoxe á sesión de hip hop na que participou o alumnado do CEIP de Nadela.

A Xunta de Galicia está a desenvolver a nova edición do programa Xogade para o curso 2024/2025, que agrupa a programación deportiva escolar e federada promovida pola Administración galega.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á demostración de hip hop na que participou o alumnado do CEIP Nadela; a modalidade desenvólvese nas instalacións de Star Dance e están inscritos oito centros de Lugo, Friol e Outeiro de Rei.

Arias explicou que esta é unha das actividades de promoción fixadas para este   trimestre, xunto coas de parkour, escalada, orientación e espeleoloxía. Hoxe arranca tamén o calendario desta última especialidade na cova do Rei Cintolo de Mondoñedo, á que se desprazaron alumnos e alumnas do colexio Ferroviario de Monforte de Lemos.

O  programa está aberto aos centros de ensino, ANPAs, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas ou asociacións, entre outros. A Secretaría Xeral para o Deporte asume o custo do transporte para garantir o acceso ás actividades así como os seguros dos participantes, que na provincia suman arredor de 18.500.

As modalidades ofertadas dentro da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol e xadrez. Ademais, hai 39 federacións adheridas, que amplían a oferta a outras disciplinas como o béisbol, halterofilia, hóckey, judo, kárate, pádel ou remo.  

Xogade inclúe tamén outras propostas arredor do deporte: Coñece o meu club, para poñer en contacto a centros escolares con clubs deportivos da súa contorna; Xogando coa auga e co vento, que proporciona bautismo en deportes acuáticos como o surf, o piragüismo, o remo ou a vela; e Xogos tradicionais e populares, para fomentar o seu arraigo na poboación escolar.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario