A Deputación da Coruña, galardoada nos premios Liga con Nós 2024 da Liga Reumatolóxica Galega

por 21 Noticias

A Deputación da Coruña foi esta noite unha das institucións galardoadas na edición 2024 dos premios Liga con Nós, convocados pola Liga Reumatolóxica Galega para recoñecer o traballo dunha decena de profesionais, institucións e administracións públicas para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades reumáticas.

O galardón recolleuno en nome da institución provincial o deputado provincial e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, que agradeu aos responsables da entidade este recoñecemento e destacou o traballo que desenvolve a Deputación da Coruña no eido dos servizos sociais, que é “prioritario e fundamental para o goberno provincial, algo que non só so palabras, senón que queda patente ano tras ano nos nosos orzamentos”.

Rioboo sinalou que “dende hai anos, a Deputación vén colaborando coa Liga Reumatolóxica Galega e con máis de 270 entidades sociais da provincia axudalas a dotarse dos mellores recursos e servizos e mellorar así a calidade de vida de miles de persoas”.

O deputado incidiu en que as enfermidades reumáticas son a primeira causa de incapacidade permanente no noso país e afectan a máis dun 20% da poboación galega e gabou “o gran traballo” realizado pola entidade “na prevención, tratamento e rehabilitación das persoas con enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas, así como en accións de información e sensibilización social sobre estas enfermidades, que contribúen a unha detección máis precoz”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario