Celanova descobre o que foi Cárcere de Mulleres entre 1936 e 1943

por 21 Noticias

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e a Concellería de Igualdade do Concello de Celanova sinalarán o edificio dos actuais xulgados de Celanova como Lugar de Memoria coa colocación dunha placa que lembra que foi espazo utilizado como CÁRCERE DE MULLERES entre agosto de 1936 e 1938 nun acto que se desenvolverá o próximo 23 de novembro.

Colocarase na fachada unha placa de aceiro e ferro cunha lenda que recorda que foi espazo de represión. No acto participarán familiares de Salud Torres Díaz e María Del Valle Lozano, que sufriron cadea e foron paseadas a finais de 1937 en Xinzo. Acompañarán ás familias a presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e a concelleira de Igualdade, Teresa Barge Dapía. A inauguración da placa está prevista para as 13,00 horas do sábado 23 de novembro.

Esa mesma mañá, Rosa María Cid Galante -catedrática no ensino secundario e doutora en Xeografía e Historia- e Julio Prada Rodríguez -catedrático en Historia Contemporánea pola Universidade de Vigo e decano da Facultade de Historia de Ourense, da mesma universidade- ofrecerán sendas conferencias sobre a represión sobre as mulleres durante a guerra e a ditadura. Celebraranse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Celanova a partir das 11,00 horas, xusto antes da inauguración da placa.

TRAZO HISTÓRICO

Segundo as investigacións históricas, sinaladamente ás de Domingo Rodríguez Teijeiro e Pablo Sánchez, e os traballos de pescuda do Comité, o CÁRCERE DE MULLERES de Celanova habilitouse como espazo de reclusión feminino aos poucos días do golpe de Estado de xullo de 1936 e a primeira noticia documentada data do 20 de agosto daquel ano. É a data na que se envía desde a Prisión de Partido ao Director da Prisión Provincial de Ourense, un oficio no que o xefe da cadea de Celanova escrebe: «Tengo el honor de participarle a usted que en esta esta prisión no cogen más reclusas porque existen 33 y la cabida es para 12; pero en el caso de que haya necesidad de recluir más pueden ser destinadas a la de Bande en la cual cogen más, o habilitar local en el convento de esta villa«.

A finais do mes seguinte, o 29 de setembro, un oficio do Gobernador Civil de Ourense ordena ao Director da Prisión de Celanova a posta en liberdade de 30 homes e 4 mulleres. Os nomes delas eran Elvira Fernández Méndez, María Dolores Vento López, Eduviges González Ferreras e Celsa Alonso Iglesias.

O 8 de xaneiro de 1937, o xefe da prisión de mulleres de Celanova informa do número de reclusas: 42 mulleres e dous nenos. Entre elas, sinala dúas mulleres que sofren doenzas contaxiosas, Silvia Arias e Francisca Conde, e outras dúas que precisan tratamento, Remedios González e Concepción López.

A primeira lista de presas corresponde a maio de 1937 e nela figuran os nomes de 47 mulleres e anótase a presencia ademais de tres nenos (de meses) fillos dalgunha das presas. Nesa lista aparecen, entre outras, Salud Torres Díaz, Florinda Ortega Pérez e Remedios Frías Carballo, vítimas ben documentadas da represión na Gudiña e en Ourense, respectivamente. No mesmo mes, no cárcere de mulleres de Bande aparece rexistrada Eduviges González, como ingresada o 11 de novembro de 1936; é dicir, apenas un mes e medio despois da orde de liberdade en Celanova. O traslado de presas entre Celanova e Bande será constante, tal e como recomendaba o xefe da prisión de Celanova naquel oficio de agosto do 36. Eduviges seguía presa en Bande na última lista da que temos constancia, de agosto de 1939.

Foto. Edificio dos actuais xulgados, fachada Leste onde se colocará a placa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario