Os socialistas denuncian descoñecer o contido do recurso presentado polo concello contra a construción do parque eólico nin os informes que existen ou os acompañan.
O grupo municipal socialista de Arteixo ven de solicitar o recurso presentado polo Concello ante a decisión do goberno da Xunta de Galicia de autorizar a construción do parque eólico Carboeiro así como os informes técnicos municipais realizados para evitar dita construción.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que o grupo municipal presentaba no pleno de outubro un rogo sobre a posible colaboración coa ONG “Ecoloxistas en Acción” para a redacción de informes para acudir ao contencioso-administrativo pola contrución do parque eólico Carboeiro.
Seco engade que o grupo socialista recibiu con sorpresa a contestación do alcalde “que atacou ao noso grupo e a ONG, en vez de agradecer a posible colaboración desinteresada desta organización” para complementar o traballo que fan os técnicos do concello.
Según o portavoz socialista o alcalde ademáis “incurriu en certos erros por falla de coñecemento da administración” xa que un cidadán calquera que non sexa afectado directo ou “un grupo político como o noso, que si presentou alegacións no seu día ao proxecto” non poden presentar o recurso.
O concello de Arteixo presentou recurso ante a decisión do goberno da Xunta de Galicia de autorizar a construción do parque, “porque si pode facelo”, pero os socialistas denuncian que son descoñecedores do seu contido e dos informes que existen ou o acompañan.
Por outra banda, o PSdeG-PSOE de Arteixo leva tempo colaborando coa Asociación Ecoloxistas en Acción, que participou na charla que os socialistas arteixáns organizaron coa veciñanza de Santa Leocadia e según Seco a asociación defensora do medioambiente “está a disposición do goberno local para axudar cos informes medioambientais que puideran realizar, uns informes que xa paralizaron a construción de varios parques eólicos lesivos para o medioambiente en toda Galicia” por iso, presentaron un rogo no pleno de outubro para que o goberno local contactara coa Asociación Ecoloxistas en Acción “para poder ter uns bos informes medioambientais que poidan poñerlle freo a construción do Parque eólico Carboeiro”.
Trala reacción do alcalde a esa petición, “os socialistas vémonos obrigados a solicitar o recurso presentado” ante a decisión do goberno da Xunta de Galicia de autorizar a construción do parque eólico Carboeiro e os informes técnicos municipais realizados para evitar a súa construción ao tempo que lle piden ao alcalde que reciba os informes que realicen a ONG “Ecoloxistas en Acción” contra a instalación do parque e complementen o traballo realizado polos técnicos municipais.