A Confraría de Pescadores de Celeiro conmemora os seus cen anos de tradición pesqueira

A través dunha exposición permanente e a instalación dun mareógrafo, a entidade conmemora un século de tradición pesqueira, manténdose como un piar fundamental no desenvolvemento económico e cultural do municipio e das súas xentes.

Confraría de Pescadores ‘Santiago Apóstol’ de Celeiro cumpriu cen anos de historia e celebrará este centenario cunha exposición conmemorativa e unha serie de actividades que poñen en valor a súa rica tradición pesqueira e a identidade dun dos portos máis emblemáticos do norte de Galicia. Esta acción, financiada pola Xunta de Galicia, o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro de A Mariña – Ortegal, está enfocada á promoción e difusión do patrimonio mariñeiro de Celeiro.

A exposición inaugurarase o mércores 20 de novembro, ás 11:30 horas, no edificio social da Confraría e será de carácter permanente. O acto será aberto ao público en xeral e contará conmúsica en directo a cargo de ‘Sons de Celeiro’ e un showcooking con degustación de pescada de Celeiro, convertendo a xornada nunha festividade que homenaxea a tradición mariñeira e a gastronomía local. A través dunha coidada selección de elementos históricos e culturais, a mostra invitará ao público a descubrir un século de historia e de traballo ininterrompido no mar. Esta mostra reflicte a evolución do porto e a importancia da súa actividade pesqueira no panorama autonómico e nacional.

Entre as pezas destacadas, a exposición inclúe unha colección de maquetas de barcos feitos á man, entrevistas e testemuños persoais en paneis, un vídeo sobre a memoria viva de Celeiro eunha selección de fotografías antigas pertencentes ao arquivo da Confraría. Ademais, os visitantes poderán contemplar elementos únicos como a acta fundacional, a medalla de ouro e antigas máquinas usadas na actividade portuaria, que completan esta viaxe ao pasado.

Como parte do evento inaugural, descubrirase un mareógrafo funcional construído con pezas en cerámica de Sargadelos. A día de hoxe, o único enfuncionamento está en Portugalete (País Vasco). Ainformación dos reloxos de mareas foi clave para o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e para a seguridade das embarcacións, será instalado na contorna da Confraría como un elemento artístico e simbólico para a entidade, representando así a súa aposta clara pola valorización da tradición e o patrimonio pesqueiro de Celeiro.

A exposición permanente estará aberta ao público no horario habitual da Confraría, e ademais, realizaranse visitas guiadas gratuítas que permitirán aos visitantes coñecer de maneira máis profunda a historia e o patrimonio pesqueiro de Celeiro. Estas visitas guiadas, especialmente difundidas en centros escolares e asociacións locais, tamén estarán abertas a toda a poboación para descubrir as claves do sector pesqueiro da zona. O percorrido incluirá a visita á lonxa e ao porto de Celeiro; a visita ao heliporto para coñecer o helicóptero ‘Pesca 2’; e a visita á exposición permanente, onde se poderán visitar todos os elementos mencionados en liñas anteriores. 

A Confraría de Pescadores ‘Santiago Apóstol’ de Celeiro leva cen anos traballando arreo pola preservación e fomento do patrimonio mariñeiro da zona. Con esta conmemoración, reafirma o seu compromiso co futuro do sector pesqueiro e co legado que transmite ás novas xeracións. A historia dos seus mariñeiros, barcos e tradicións é a base sobre a que seguirá traballando, cunha mirada posta en continuar sendo un referente de traballo, cultura e identidade no mar. Outros cen anos serán unha realidade se se mantén a entrega e a paixón que guiaron á Confraría durante este primeiro século de historia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios