O avultado marcador (104-75) eclipsa o esforzo en pista dos betanceiros.
Que o partido do sábado en Marín era un partido dos complicados non era ningún segredo. Tampouco que o Oposita Marín Ence Peixegalego, conxunto cunha única derrota, é un dos máis firmes candidatos a loitar polo play-off de ascenso dentro do Grupo AB da Tercera FEB. Con todo, a derrota por 104-75 foi un excesivo castigo para o equipo de Doc, que logrou competir durante boas partes do encontro a pesar de todas as dificultades.
Volveu faltar acerto no tiro en períodos clave e, por que non dicilo, algo de sorte en varios 1×1 nos que xa se estaba celebrando a canastra, sorte que si acompañou a un Marín que logrou encadear varios acertos neses momentos clave en que as boas accións dos betanceiros daban opcións de reengancharse ao partido.
Ata 16 triplas meteron os pontevedreses nun encontro que puido chegar ao descanso cun Santo con opcións. Así o valoraba Antonio “Doc”, o adestrador betanceiro: “Tivemos momentos moi bos en defensa, a pesar do marcador, e algo máis de fluidez ofensiva, pero eles tiveron moito acerto.
As dúas triplas do último minuto antes do descanso, a última contra a bucina, foron realmente claves: puidemos irnos oito abaixo ao vestiario e marchamos cun menos dezaseis. Na segunda parte xa non saíron tan ben as cousas.
Hai que quedar co esforzo do equipo e que este se recompuxo pese a diferenza final”.
Bos números globais de Sanjurjo (17 puntos e 8 rebotes) e Rozas (13 puntos) e boa achega en rebote do base Jorge Abelleira (6 rebotes). Boa implicación do colectivo (con anotación de todo equipo) a pesar dese avultado marcador, probablemente enganoso de máis.
Toca curar as feridas e preparar o próximo partido: domingo 17h fronte ao Recoletas Salud Carbajosa (Salamanca).