O PPdeG replica ao presidente da Fegamp que os Orzamentos autonómicos de 2025 van ter “máis fondos que nunca para os concellos”

por Redacción Galicia

O voceiro popular no órgano, Ángel Moldes, lamenta que Alberto Varela di que representa a «todos os concellos», pero «non acepta nunca nin unha soa solución que proveña do Goberno da Xunta»

O Partido Popular de Galicia salienta que os Orzamentos galegos de 2025 van ter «máis fondos que nunca para os concellos», 641 millóns de euros, e sinala que os fondos autonómicos para os municipios se incrementaron un 38% desde 2009, moi por riba do 25% do aumento xeral das contas.

Os populares saen así ao paso das críticas realizadas a pasada fin de semana, nunha entrevista radiofónica, polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que «non acepta nunca nin unha soa solución que proveña do Goberno autonómico».

O voceiro do PPdeG e o vicepresidente primeiro, Ángel Moldes, lamenta que Varela di que representa a «todos os concellos», pero «o único que fai constantemente é botar a culpa á Xunta de Galicia e en ningún caso ao Goberno central».

«En 2025 medrará o Fondo de Cooperación Local e somos a única comunidade que está a bonificar o taxazo aos residuos do Goberno central», lembra.

No PPdeG son conscientes de que moitos concellos están a pasar dificultades económicas e por iso, engade Moldes, «é necesario que o debate non quede contaminado por un partidismo estéril». «O que si é imprescindible é que, xunto ao financiamento autonómico, se fale tamén da mellora do financiamento local», conclúe o alcalde de Poio.

En canto ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), como xa lle avanzou ao presidente Alfonso Rueda ao responsable da Fegamp, «a Xunta está disposta a negociar unha senda de actualización do financiamento autonómico para o mesmo, proporcionada e en paralelo ao imprescindible incremento de fondos do Goberno central», lembra.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario