A UDC inicia unha campaña para promover actitudes sostibles na cidadanía

Levarase a cabo de xeito simultáneo en Alemaña, Finlandia, Hungría, Letonia, Países Baixos e Suecia, e será monitorizada pola Comisión Europea

Co obxectivo de promover actitudes sostibles na cidadanía, o proxecto europeo 1.5 Lifestyles da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, coordinado pola profesora Adina Dumitru e o Grupo de Investigación en Psicoloxía do Desenvolvemento e a Aprendizaxe Escolar (GIPDAE), xunto coa Oficina de Sustentabilidade da UDC,  anuncian o lanzamento dos «Retos 1.5 Lifestyles» en redes sociais, deseñados para inspirar e animar a adoptar comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.

A iniciativa contará con catro retos. O primeiro deles, que se desenvolve durante este mes de novembro, ten como temática evitar o uso do vehículo privado. Todas aquelas persoas que durante o mes de novembro de 2024 utilicen a etiqueta «#Reto1VivirSenCoches» nas súas publicacións, xunto con imaxes ou vídeos onde se observen comportamentos respectuosos co medio ambiente a través da mobilidade sostible – por exemplo, moverse en bicicleta ou en transporte público -, poderán optar a diversos premios, que se sortearán entre todas elas. 

Os seguintes retos, coa mesma mecánica de participación, terán lugar aproximadamente ao longo dos meses de decembro, xaneiro e febreiro, a razón de un ao mes, e serán os seguintes:

Reto 2: vacacións de Nadal máis sostibles, que terá lugar durante o mes de decembro de 2024.

Reto 3: cero desperdicios alimentarios e maior consumo de vexetais, o cal se desenvolverá en xaneiro de 2025.

Reto 4: redución da pegada de carbono, derradeiro desafío, que se levará a cabo en febreiro de 2025.

Esta iniciativa está especialmente dirixida á comunidade universitaria, especialmente ao seu alumnado, pero desde o Proxecto 1.5 Lifestyles animan a toda a cidadanía a participar e a ser parte do cambio que queremos para o noso planeta.

O proxecto europeo 1.5 Lifestyles

O proxecto EU 1.5 ° Lifestyles ten como obxectivo fomentar a integración de estilos de vida de acordo co obxectivo climático do Acordo de París de que o incremento da temperatura media global non supere os 1.5°C a finais deste século.

Un equipo da Universidade da Coruña, coordinado pola profesora Adina Dumitru, participa neste proxecto xunto con outras Universidades e centros de investigación de sete países europeos – Alemaña, Hungría, Países Baixos, Suecia, Finlandia, Letonia e España- coordinados pola University of Münster (Alemania).

No marco do EU 1.5 ° Lifestyles leváronse a cabo diversas iniciativas, como foros de discusión coa cidadanía, ou a elaboración da “Guía para reducir o noso impacto climático e fomentar unha vida máis sa e xusta”, que está dispoñible na páxina web do proxecto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios