Balseiro agarda que “o prazo que prevé o Goberno de Sánchez para a apertura do viaduto do Castro a finais de 2024 sexa o definitivo” despois de preto de 4 anos en obras

por Redacción Galicia

Os senadores insisten en pedir explicacións ao Executivo que evita contestar sobre a dispoñibilidade do informe e as conclusións de porqué colapsou a ponte despois de facer unha obra de emerxencia cun investimento de 26M€

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- agardan que “o prazo para a apertura do viaduto do Castro na A-6 previsto polo Goberno de Pedro Sánchez para finais deste ano 2024 sexa o definitivo”; especialmente “despois de dar previamente outros tres prazos e incumprilos todos”.

A autovía A-6 leva preto de 4 anos en obras no tramo entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce: 1 ano para acometer obras de emerxencia no viaduto do Castro nas que se investiron 26M€ e máis de 2 anos e medio desde que colapsou a ponte cando se ía reabrir á circulación. Na actualidade, dos 5 carrís da autovía nesa zona, só se pode circular por un en sentido Madrid.

Os senadores insisten en pedir explicacións ao Executivo tras recibir a resposta ás preguntas formuladas de forma oficial polos representantes do PP lucense no Senado nas que “o Goberno de Sánchez evitou contestar sobre a dispoñibilidade do informe e as conclusións de porqué colapsou a ponte despois de facer unha obra de emerxencia e gastar 26M€, cando a ponte nova costa agora 40M€”.

FALTA DE RESPOSTAS

O Goberno de Sánchez non aclarou as razóns que o levaron a incumprir, un tras outro, os prazos que ofrecera o Ministerio sobre a reapertura completa á circulación do viaduto do Castro. 

Tampouco contestou ás preguntas dos senadores lucenses sobre a súa previsión para “dar algunha compensación aos usuarios da A-6, en especial aos condutores profesionais e transportistas, pola demora na recuperación desta infraestrutura”.

O senador lucense José Manuel Balseiro tamén afea que “o Goberno de Sánchez nos enganou cando dixo que ía reconstruír as dúas pontes de forma simultánea”, que é o que se fai en calquera grande infraestrutura co dobre obxectivo de aforrar custes e prazos, porque “non o fixo”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario