O Partido Popular de Galicia acusa aos responsables do BNG e do PSdeG de «quedar en evidencia» sostendo a Pedro Sánchez no poder «a pesar dos seus cambios de opinión e os seus desprezos a Galicia» en cuestións como o financiamento singular para Cataluña ou o traspaso da AP-9.
A secretaria xeral do partido, Paula Prado, deixou hoxe en evidencia nunha rolda de prensa os momentos «onde dixen digo, digo Diego» protagonizados polo PSOE galego e Gómez Besteiro nos últimos meses, pasando de dicir que «o cuponazo catalán non pon en dúbida o principio de igualdade entre os españois» a, tres meses despois, rexeitalo «por non ser solidario».
O último destes cambios de opinión deuse, como explicou, esta mesma semana e está relacionado coa tramitación da transferencia da AP-9 no Congreso, onde PSOE e BNG «seguen aliados en bloqueala» a pesar de que o pasado 25 de setembro o Parlamento de Galicia aprobou por quinta vez, e por unanimidade, a reclamación do traspaso da titularidade desta autoestrada.
«Os representantes do PSOE e Sumar –socios do BNG– na Mesa do Congreso avogaron por prorrogar por duodécima vez o debate da transferencia», criticou Paula Prado cualificando o acontecido de «broma de mal gusto» á que, na súa opinión, habería que engadir a «tremendamente baixa vontade política» verbalizada a este respecto polo ministro Óscar Puente.
Esta prórroga e a nula vontade do Goberno central por facer realidade esta demanda histórica de Galicia supoñen así mesmo «o incumprimento da promesa electoral do PSOE, ao que só lle interesou a transferencia cando había que buscar votos». De feito, o propio Executivo anunciou esta semana que vai estudar a eliminación de peaxes en tres autoestradas de Madrid, Ávila e Segovia «mentres en Galicia, coma sempre, a súa opinión é outra».
«Desde o PPdeG seguiremos defendendo o traspaso e a gratuidade da AP-9, e tamén da AP-53, as máis caras de España», concluíu a número dous dos populares galegos poñendo en valor a recente decisión do Goberno galego de liberalizar catro autovías autonómicas.
GALICIA SEGUE FUNCIONANDO
Para Paula Prado o debate do Proxecto de lei de orzamentos xerais de Galicia para o 2025 o próximo luns será a constatación de que «Galicia segue funcionando», xa que a nosa Comunidade «seguirá o camiño para aprobar un ano máis, e xa van 16 de forma consecutiva, as contas en tempo e forma».
Destacou que se trata dos Orzamentos «máis altos da Historia», con case 14.000 millóns de euros dos que «3 de cada 4 euros destínanse a gasto social». Ademais, triplícanse os orzamentos destinados a vivenda pública, refórzase o apoio aos concellos –cun aumento de 30 millóns de euros, ata os 641 millóns– e impúlsanse as rebaixas fiscais.