Xurxo Souto presenta este sábado na Casa-Museo Manuel María ‘Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta’

O autor falará, entre outras cousas, de “cando Manuel María inventou a música galega”

O músico e escritor Xurxo Souto estará este sábado na Casa-Museo Manuel María para presentar o seu último traballo, Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta. Será ás 19 horas, con entrada libre até completar o aforo, e na que non faltará algunha cantarela interpretada polo propio artista.

O libro, editado por Xerais, fai unha viaxe pola música galega contemporánea, collendo como referencia o libro de Luísa Villalta O outro lado da música, a poesía (1999) e tratando de demostrar o carácter inseparábel da música e a poesía, ao tempo que propón unha revisión na forma en que se educa sobre estes dous mundos que se costuman separar. Alén disto, o libro titula un dos seus capítulos “Cando Manuel María inventou a música galega”, onde o autor salienta como a música é unha constante na creación de Manuel María e como o escritor da Terra Chá estivo na (re)construción da identidade sonora de Galiza de finais de sesenta, principios de setenta.

Xurxo Souto, profesor de Latín e Grego, é coñecido pola súa faceta musical en bandas míticas do panorama galego como Os Diplomáticos de Monte Alto e a Banda Shangai. Dirixiu distintos programas de radio en galego como “A tropa da tralla” de Radio Coruña ou o programa da Radio Galega “Aberto por reformas”, onde desenvolveu unha actividade inmensa de difusión e divulgación da música en galego. Xurxo Souto escribiu, entre outros, Tres trebóns (2005), Contos do mar de Irlanda (2014), A gran travesía de Chiruca Macallás (2018), Pangalaica (2020)…

A actividade é de acceso libre mais cómpre facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Comparte éste artículo
No hay comentarios