O eurodeputado do PPdeG subliña que o aprazamento de 12 meses aprobado esta semana pola Eurocámara permitirá aos agricultores e gandeiros de toda Europa adaptarse dunha forma máis progresiva e asumible a esta nova regulación.
O Parlamento Europeo, grazas á iniciativa do Partido Popular Europeo, aprobou esta semana o aprazamento da implementación do Regulamento europeo de Deforestación. Esta lei foi adoptada pola mesma cámara en decembro de 2021 e a súa entrada en vigor estaba prevista para o 30 de decembro de 2024, é dicir, en dúas semanas. Con todo, a presión dos eurodeputados populares logrou a adopción dun aprazamento de 12 meses e o compromiso da Comisión Europea de reducir toda a burocracia asociada á súa aplicación.
O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez celebra esta decisión “polo ben do agro galego”, tendo en conta que o atraso “permitirá aos agricultores e gandeiros de toda Europa, tamén aos da nosa Comunidade, adaptarse dunha forma máis progresiva e asumible a esta nova regulación”.
O Grupo Partido Popular Europeo, que foi un dos impulsores desta lei para alcanzar o fin da deforestación ilegal para a produción de soia, café, caucho, aceite de palma e gando, mantén que a ambición ecolóxica é perfectamente compatible con non poñer máis trabas aos produtores agrícolas. “Europa debe ser ambiciosa na súa axenda ecolóxica, pero non pode lexislar contra a xente que máis coida do noso campo”, insistiu Adrián Vázquez.
Na mesma liña, o vicepresidente executivo da Comisión, Maroš Šefčovič, asegurou nunha carta remitida a Christine Schneider, responsable do EPP para estes asuntos, o forte compromiso da Comisión en reducir a burocracia ao medio rural. A Comisión Europea ten previsto publicar unha versión actualizada das directrices e un novo conxunto de preguntas frecuentes a finais de 2024 para achegar máis aclaracións e simplificacións sobre esta cuestión.
“Estamos a cumprir coas nosas promesas de campaña electoral. Non pode ser que sigamos afogando en papeis a quen enche as nosas neveiras e coidan do noso agro”, sinala o eurodeputado galego, sen esconder a súa enorme satisfacción co resultado desta votación.
“Ademais, o atraso na implementación deste regulamento vén acompañado dunha serie de melloras substanciais no seu contido, centradas maioritariamente en reducir a burocracia que soportan os nosos produtores rurais”, conclúe Vázquez.