O deputado Oscar Insua, tras reunirse cos mariscadores de Fisterra, sinala que “os que coñecen o mar son os que están en el todos os días. Se os que están decidindo sentados na Xunta tiveran que coller o raño nesa zona, con dez ou quince metros de auga, cambiarían de opinión en segundos”.
O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza inclúa o mergullo con subministración con aire desde superficie como unha das técnicas autorizadas para a extracción de ameixa na praia da Langosteira (Fisterra), modificando o decreto queregula as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma galega.
Tras manter unha xuntanza con mariscadores de Fisterrapara recoller as súas inquedanzas, á que tamén asistiron a concelleira do BNG de Fisterra, Tereixa Fernández, o responsábel local, Cholo Mouzo, e Primitivo Pedrosa, da comisión de pesca do BNG, o deputado nacionalista tamén solicitou nas propostas parlamentarias a modificación provisional do plan de explotación PE403A 2023/1-1,cualificándoo como experimental, e incluír no mesmo como artes a empregar xunto a do raño, a de mergullo con subministración de aire en superficie, así como que se estableza que cada agrupación de mariscadores a flote decida en cada resolución de aperturas a arte ou técnica de extracción a empregar, sexa raño ou mergullo, de forma que non se poidan combinar ambas técnicas durante unha mesma xornada de extracción.
Desde o BNG indicaron que a Confraría de Pescadores de Fisterra solicitou hai meses á Consellería do Mar, apetición da agrupación de mariscadores, a modificación do Decreto 15/2011 que regula as artes e técnicas permitidas para extraer bivalvos, sen que de momento haxa resposta por parte da Xunta.
Oscar Insua manifestou que “esperamos que o PP sexa sensato e acceda a solucionar unha vella petición dos mariscadores. Non é un capricho, traballar cun raño coa ameixa a máis de dez metros provócalles moitas lesións e non poden estar de baixa médica cada dúas por tres, porque así a actividade faise pouco viable”.