Presentación do libro “Corcosendo” na Casa da Cultura de Antas de Ulla

O sábado 16 de novembro de 2024 ás 19,00 h será presentado na  Casa da Cultura de Antas de Ulla o libro Corcosendo. A memoria das costureiras da Ulloa, terceiro número da colección Ulloa Audiovisual publicada pola Sección de Audiovisuais do Instituto de Estudos Ulloáns.

No acto, o grupo Zoelas interpretará o tema Corcosendo, que compuxo para este proxecto. Interpretarase ademais un fragmento da obra María Visitación Consolación Amadora  coa intervención escénica de Aida Cobas (Loia Producións); proxectarase a videocreación As mans núas de quen nos vestiu do cineasta Xabier Mailán; e Verónica Ramilo explicará o proceso creativo das súas intervencións textiles que foron expostas nas exposicións de Corcosendo instaladas en Vilar de Donas, o pazo de San Marcos de Lugo e o castelo de Pambre.

O libro, integrado no proxecto Corcosendo, está editado polo Instituto de Estudos Ulloáns en colaboración coa Rede Museística Provincial da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo. Foi deseñado e maquetado por Numax; os  textos e imaxes son das coordinadoras do proxecto Patricia Coucheiro, Sara Coello, Antía Montes e Susana Varela; os prólogos de Alba Geada, Olga Novo e Ana Pérez; os deseños de Azucena Pérez Souto e Malena Fernández; as imaxes adicionais de Vanesa Coucheiro, e as correcións de Andrea Santiso.

Comparte éste artículo
No hay comentarios