Gómez Besteiro chama a impulsar «un novo rexurdimento» para reverter as políticas lingüísticas «galeguicidas» do PP 

por 21 Noticias

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe en Santiago a reverter a situación crítica do galego logo de 15 anos de gobernos do PP. En declaracións aos medios durante a concentración da plataforma Queremos Galego na praza da Quintana, da que o Partido Socialista forma parte xunto a máis de 150 entidades de toda Galicia, asegurou que “urxe impulsar un novo Rexurdimento da nosa lingua para reverter as políticas galeguicidas do Partido Popular”.

Besteiro encabezou a representación socialista nunha manifestación na que criticou que “Feijoo e Rueda conseguiron o que non aconteceu nin nos Séculos Escuros nin durante a Longa Noite de Pedra: que o galego xa non xesa a primeira lingua do país”, e asegurou que o PSdeG vai defender “con toda a forza” o que considera a parte “mais valiosa” da cultura galega, “un idioma que esmorece nas mans de quen ten a obriga de defendelo”. “Seremos firmes, non imos baixar os brazos”, subliñou.

O secretario xeral recordou que o PSdeG, do mesmo xeito que numerosos colectivos, leva advertindo dende o 2009 sobre “os ataques do PP á lingua valéndose da maquinaria da Xunta”, logo de “dinamitar o consenso” en política lingüística, “con medidas coas que ata Fraga se escandalizaría”.

“Agora vemos o resultado”, lamentou o líder socialista sobre unha situación “que non acontecera nuna antes”. “O PP pode estar orgulloso, vén de conseguir un fito”, dixo irónicamente sobre o alarmante descenso do número de persoas que empregan o galego na súa vida cotiá. Besteiro cualificou de “moi triste” que o galego xa non sexa o idioma con máis falantes, como foi ao longo de toda a súa historia.

Porén, o tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia insistiu no compromiso do PSdeG: “Traballaremos para darlle a volta a esa situación dramática para a nosa identidade como pobo e para a nosa cultura”.

Vontade para acadar acordos “verdadeiros” e unha advertencia

José Ramón Gómez Besteiro lembrou que tivo “a honra” de pronunciar o primeiro discurso en galego no Congreso dos Deputados, “malia a oposición do PP”, e que na súa primeira intervención no Parlamento de Galicia xa propuxo un pacto pola lingua.

Sinalou que agora, “ao comprobar que as súas políticas traspasaron todos os límites”, o Partido Popular ofrece o seu propio acordo, preocupado pola alarma que acaba de xerar na sociedade. Con todo, asegurou que o Partido Socialista será “xeneroso e colaborador” para acadar calquera tipo de acordo que sirva “de verdade” para promover o uso do galego e que a lingua recupere “a posición que lle corresponde como idioma propio de Galicia”, tal como recolle o Estatuto de autonomía.

Mais avisou: “Se o que pretende o PP é impoñer e non consensuar, ou se unicamente ten intención de enredar para diluír o problema, que non conte con nós”. O que “urxe”, afirmou, son medidas “ben planificadas e ben dotadas economicamente” para atraer falantes, “especialmente entre a xente nova”, e demandou que se poñan en marcha “antes de que sexa tarde”.

“Que este acto sirva como chamada de atención. Abonda xa de políticas galeguicidas”, concluíu o secretario xeral do PSdeG.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario