75-78: o minuto final condena a un bo Ineltrón Santo Domingo Betanzos

por Jorge García

A falta de 1.22 os de Doc vencían 75-71 aos salmantinos de Recoletas Salud Carbajosa.

Os seareiros que se achegaron ao Carregal na tarde do domingo non poden deixar queixa do entretido e emocionante partido de baloncesto que deparou a sexta xornada do Grupo AB da Tercera FEB. Gañou o mellor? Deixémolo en que levou o gato á auga quen mellor soubo xogar os dous últimos minutos. E este foi un Recoletas Salud Carbajosa, que foi atrás durante case o todo partido, dende un 1Q que rematou 28-20 (con 21 puntos dun descomunal Jorge Abelleira), e que soubo manterse entre 6-8 puntos abaixo durante boa parte do encontro, mesmo naqueles momentos en que o Santo parecía poder romper o partido.


A concentración do rival e os fallos do Santo en xogadas clave (con algunha dubidosa falta en ataque incluída) deixaron todo aberto para os minutos finais e aí foi onde colapsou o ataque betanceiro. Cinco arriba a falta de 4 minutos, catro a falta de 1:22 e a partir de aí… 0-7 de parcial para os de Carbajosa (apuntalados nos 17 puntos do estadounidense Guy III, nos 15 de Adrián Ramírez e nos 16 de Teasly Jr., xogador natural de Barbados) favorecido polas faltas dun Santo necesitado de parar o cronómetro.


Bo sabor de boca, a pesar de todo, e a sensación, na bancada, de que a sorte vai ter que caer tarde ou cedo do lado betanceiro neste tipo de partidos. Enormes minutos de Abelleira, como se dixo, e bos números de Sanjurjo (12 puntos e 7 rebotes) e Dani Martín (11 puntos e 50% en triplas). Na lista do debe, a desconexión de xogadores clave noutras ocasións e algúns fallos baixo canastra que en marcadores tan apertados como este acaban volvendo unha e outra vez á cabeza.


Así valoraba o partido ao seu remate o adestrador local: “Partido ben levado durante 37 minutos, pero nos minutos finais eles xogaron con máis acerto e con mellores decisións. Temos que aprender destes partidos para que caian ao noso favor”.


A semana vindeira, difícil desprazamento para xogar contra o Universidad de Oviedo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario