Este domingo Guido Álvarez Parga, máis coñecido como Guido Guía polo nome do seu proxecto profesional, anunciou novidades na súa iniciativa turística e cultural que no 2025 cumprirá xa 10 anos de historia.
A través das súas distintas redes difundiu un texto no que explica os detalles destes novos retos que inicia, principalmente no eido audiovisual (coas produtoras Lugo me gusta e Lecer Audiovisual) pero tamén no das súas habituais actividades, como o anunciado regreso dos paseos guiados polo Lugo menos coñecido. A sponsorización por parte de distintas marcas e empresas lucenses e galegas é outra das destacadas noticias:
«Ola, amigos e amigas. Hoxe escríbovos para contarvos algúns novos proxectos e ilusións. Dende hai bastantes meses veño traballando varias novas ideas profesionais, incluso facendo algúns anticipos, pero neste ano complexo para min non chegara a anunciar ben nada en ningún momento.
Agora, neste momento de tantos cambios para min, sinto que contárvolo vai ser un aliciente máis de enerxía positiva.
Moitos e moitas de vós xa sabedes que o audiovisual, a fotografía e a escritura foron nos inicios do proxecto Guido Guía piares moi importantes de toda a miña iniciativa turística e cultural. Nos dous últimos anos deixei isto bastante de lado para centrarme moito máis nas clases e nas actividades como guía, que por sorte van de marabilla, pero agora vou volver centrar bastantes esforzos na divulgación, principalmente a través das redes sociais.
Nos vindeiros meses vou colaborar moito con Lugo me gusta e Lecer Audiovisual coa idea de divulgar moitos contidos, principalmente sobre a historia e a cultura de Lugo e Galicia. Faremos entrevistas a distintas persoas e crearemos contidos moi diversos.
Tamén haberá outra novidade, e será o apoio a todo isto por parte de distintas empresas e marcas lucenses e galegas que nestes anos me propuxeran colaborar e nunca atopara eu a maneira de materializalo. Infinitamente agradecido por isto! Non serán só sponsors do audiovisual, senón tamén das miñas actividades de sempre. Aproveito para anticipar que serán as responsables do regreso dos paseos guiados #OLugoMenosCoñecido.
Por último, outra novidade destes días: animei ao meu pai Manuel Álvarez Prieto, que o mes que ven vai cumprir 90 anos, a preparar distintos temas para gravar conversas con el. Isto faime unha ilusión moi especial, e agardo que a vós vos agrade da mesma maneira»