100 nomes de mulleres que penaron no cárcere de Celanova

por Redacción Ourense

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documenta os nomes de cen mulleres que sufriron a represión fascista entre xullo do 36 e decembro do 37 na prisión feminina de Celanova, habilitada no
edificio dos actuais xulgados que quedará sinalado como Lugar de Memoria nun acto este sábado, 23 de novembro

Este sábado, 23 de novembro, Celanova rende homenaxe ás mulleres que sufriron represión no cárcere durante a guerra. Ás 13,00 horas, descobrirase unha placa na fachada do edificio dos xulgados, que
albergou a prisión feminina entre xullo do 36 e abril do 38. Honraranse os nomes de 99 mulleres (e cinco crianzas) que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documentou nos arquivos, e 1 máis da que hai memoria familiar certa do seu paso pola cadea.

A lista cos nomes de todas aquelas mulleres que, coa información dispoñíbel, foi posíbel documentar até agora, é pública desde hoxe na seguinte ligazón (e figura no anexo a esta nota): 
https://memoriacelanova.fala.gal/2024/11/19/as-mulleres-do-carcere-feminino-de-celanova/

Nos actos, que comezarán ás 11,00 horas na Casa do Concello coas conferencias dos historiadores Rosa Cid Galante e Julio Prada, participarán as familias de María Gómez Del Valle e Salud Torres Díaz -asasinadas en outubro de 1937 despois do seu paso pola prisión de Celanova e tamén da de Bande-. Ademais, Rochi Nóvoa lerá o poema do que se sacaron os versos que figurarán na placa do lugar, sinalado como Lugar de Memoria.

A presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, e a concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge Dapía, e o alcalde, Antonio Puga, tomarán tamén a palabra para reafirmar o compromiso da sociedade civil e da institución municipal coa memoria histórica, que ten avanzado moito nestes últimos anos, mais que aínda precisa de maiores esforzos.

Tamén se poden consultar anotacións biográficas sobre algunhas delas nas seguintes publicacións na web do Comité: 
https://memoriacelanova.fala.gal/2024/11/19/as-mulleres-do-carcere-feminino-de-celanova/

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario