A Xunta agradece o altruísmo da cidadanía galega na conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue

por Redacción Galicia

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que, desde a posta en marcha das campañas de doazón en unidades móbiles no ano 1993, se teñen realizado preto de 3.300.00 doazóns de sangue en Galicia

A Xunta, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), dependente da Consellería de Sanidade, quere amosar o recoñecemento de toda a sociedade galega ás persoas que doan sangue, co galo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue.

Esta data foi institucionalizada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) no ano 2004 para poñer en valor o labor de todos os doantes de sangue, xa que este elemento terapéutico de orixe humana é imposible de obter de xeito artificial e, grazas as doazóns, é posible o sostemento do sistema público de saúde.

No ano 1993, Galicia iniciaba a recollida de doazóns de sangue en unidades móbiles e, desde entón, téñense realizado preto de 3.300.000 doazóns de sangue.

Deste xeito, a comunidade galega pasou de ser a última en índice de participación a encabezar os rankings de solidariedade. Galicia é a quinta comunidade autónoma en índice de doazón de sangue, segundo os datos publicados esta mesma semana polo Ministerio de Sanidade, cunha participación tres puntos por riba da media nacional.

Necesidades constantes

Non obstante, desde ADOS remárcase que o xesto solidario dos doantes é absolutamente imprescindible os 365 días do ano, xa que a caducidade dos elementos obtidos da doazón precisan dunha renovación constante.

A axencia estima que as necesidades de compoñentes sanguíneos en Galicia fan precisa a obtención de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias.

Así mesmo, o envellecemento poboacional resulta un factor decisivo no deseño das campañas de captación de doantes xa que, por unha banda, o aumento de idade da nosa poboación dificulta a renovación da base de doantes e, por outra, o aumento da esperanza de vida e o avance da medicina e das novas tecnoloxías, ten permitido o uso de hemoderivados en novos tratamentos ou intervencións cirúrxicas, repercutindo nun aumento das necesidades de compoñentes sanguíneos. Deste xeito, un dos principais obxectivos de ADOS pasa por aumentar a base de doantes de Galicia, salientando que, nos cinco primeiros meses de 2024, un total de 3.872 persoas doaron sangue por vez primeira.

Participación

No pasado ano 2023, recolléronse en Galicia 103.525 doazóns de sangue:

PROVINCIADOAZÓNS 2023TAXA DE DOAZÓN 2023
A Coruña47.51842/1.000
Lugo7.59824/1.000
Ourense9.11030/ 1.000
Pontevedra39.29942/ 1.000
TOTAL103.52538,4/ 1.000

Polo que se refire ás cidades galegas, a maior concentración de poboación, así como a presenza de locais de doazón que atenden aos doantes favorece un excelente volume de doazóns, como podemos ver na seguinte táboa:

CIDADEDOAZÓNS 2023TAXA DE DOAZÓN 2023
A Coruña10.06841/ 1.000
Ferrol2.98047/ 1.000
Santiago de Compostela8.68688/ 1.000
Lugo3.09331/ 1.000
Ourense4.10739/ 1.000
Pontevedra3.95248/ 1.000
Vigo12.74143/ 1.000
TOTAL45.62746/ 1.000

Tamén é destacable a excelente participación da poboación de catro concellos: Melide, 86 doazóns por cada 1.000 habitantes/ano; Meira, 51 por cada 1.000 habitantes/ano; Xinzo de Limia, 55 por cada 1.000; e Salceda de Caselas, 72 por cada 1.000 habitantes/ano, que foron os municipios con maior taxa de doazón en cada unha das catro provincias galegas.

Campaña “Verán 2024”

Desde a Xunta e desde a Consellería de Sanidade agradécese a todas as persoas que doan sangue o seu altruísmo e solidariedade e animan a toda a cidadanía a que se decidan dar o paso solidario que supón efectuar unha doazón.

Para isto, ADOS inicia hoxe a campaña de doazón de verán 2024, que se prolongará ata finais do vindeiro mes de setembro. Así, durante o período estival desenvolverase a campaña “Somos Olímpicos” que hoxe se presenta na cidade da Coruña.

Ao longo da presente xornada, ao carón da unidade móbil da Axencia situada na zona do Obelisco da Coruña, disporase unha montaxe alusiva aos xogos olímpicos coa que se tenta acadar a atención da cidadanía. As persoas que acudan a doar recibirán como agasallo unha camiseta desta campaña que, ao longo dos vindeiros meses, visitará máis de vinte concellos galegos.

As dez unidades móbiles continuarán a pleno rendemento durante o período estival percorrendo toda a xeografía galega e os sete locais de atención permanente ao doante de sangue das sete grandes cidades galegas permanecerán abertos para recoller a solidariedade das galegas e galegos.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario