Vigo, 19 de novembro de 2024
Diego Calvo Pouso.
Conselleiro de Presidencia
María Martínez Allegue.
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestructuras
Xunta de Galicia
Estimada conselleira/ estimado conselleiro:
Recibida a súa carta sobre alta velocidade ferroviaria, o primeiro que teño que dicirlles é que, como nos teñen acostumados, incorren vostedes nunha mentira flagrante. É público e notorio que esa carta foi contestada e enviada ás consellerías que dirixen o pasado 6 de novembro. Unha primeira resposta que eu, primeira tenente de alcalde de Vigo, asinei e na que deixei ben claro o posicionamento do Concello.
Por se non a leron con atención, recórdolles que nesa resposta lles pedimos que asumiran as prioridades da cidade e que, se pedían perdón por deixala sen tren de alta velocidade aínda que fora con 20 anos de atraso, estariamos dispostos a falar. Unha resposta que coñece todo o mundo, excepto vostedes.
Pero, como parece que descoñecen as razóns que avalan esa resposta, reiteramos novamente que a cidade máis importante de Galicia non ten tren de alta velocidade porque o PP a deixou sen esa opción. Foi o seu partido con Aznar primeiro, con Rajoy e Ana Pastor despois, e con Núñez Feijóo no goberno de Galicia priorizando A Coruña- Santiago e Ourense, o que excluíu a Vigo desta realidade. Nin un só paso de Rajoy para avanzar no Vigo- Ourense- Madrid, directo por Cerdedo, deixando incluso caducar a Declaración de Impacto Ambiental. Esta liña si avanzou co goberno de José Luis Rodríguez Zapatero primeiro e co goberno de Pedro Sánchez despois.
Que dicir da Saída Sur ferroviaria, na que ocultan que é posible gracias ao actual alcalde de Vigo, Abel Caballero, que no ano 2008 paralizou a entrada do tren en superficie que vostedes defendían. O proxecto do PP de entrar en superficie imposibilitaría para sempre a Saída Sur.
Pero hai máis, o tren Vigo-Porto acordárono os presidentes de España e Portugal, Pedro Sánchez e Antonio Costa, nos cumios de Guarda (2020) e Viana (2022); en ambos estaba presente o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
En resumo, Vigo non ten tren de Alta Velocidade porque o seu partido o vetou. A súa desvergoña política é tal que nesa pretendida convocatoria de defensa da Alta Velocidade intentan silenciar que foron vostedes os que castigaron a esta cidade. Pediranlle perdón á cidadanía por ter que ir a Madrid por Santiago? Pediranlle desculpas ás persoas que cada vez que marchan cara a Madrid vense obrigadas a dar un rodeo de 50 minutos pola súa culpa? Porque iso é o que deberían dicir na súa concentración, asumir os seus erros e pedir perdón, aínda que sexa con 20 anos de atraso.
Por certo, o alcalde desta cidade xa ten convocadas varias concentracións en defensa do tren de alta velocidade e en defensa da dignidade da cidade que vostedes atacan continuamente.
En calquera caso, como lles trasladei na resposta do 6 de novembro, se asumen as prioridades da cidade, piden perdón e esixen responsabilidades políticas aos causantes que aínda están en activo, estaremos dispostos a falar de todas estas cuestións.
Carmela Silva Rego
Primeira tenente de alcalde de Vigo