“Os millos ausentes”, un documental sobre o cultivo do millo miúdo, preséntase no Museo do Pobo Galego

por Redacción Galicia

O investigador Andrés Teira Brión xunto coa produtora Illa Bufarda son as artífices desta curtametraxe que percorre diferentes localidades de Asturias, Galicia e Portugal para coñecer os usos e métodos de cultivo do millo miúdo, un cereal case extinto na Península Ibérica tras diversos procesos de globalización

O Museo do Pobo Galego acolle a proxección da curtametraxe documental Os millos ausentes, este xoves, 28 de novembro, ás 19:00 horas. 

Presentará o evento a presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada e participarán Sabela Iglesias e Pilar Abades da produtora Illa Bufarda e Andrés Teira Brión. Despois do visionado do filme, haberá coloquio coas creadoras. A entrada é de balde ate completar capacidade do Auditorio do Museo.

O filme Os millos ausentes recolle a investigación científica do (etno)arqueobotánico: «Old crops for new insights: agricultural systems of broomcorn and foxtail millet cultivation in Iberia«, que insta ao equipo de gravación a iniciar unha viaxe por Asturias, Galicia e norte de Portugal.

Este documental é a suma de ciencia e audiovisual. Leva a investigación fóra da institución académica abrindo a súa accesibilidade a todos os públicos. Para as realizadoras e o investigador, «o audiovisual é unha boa ferramenta de divulgación, que vai máis alá da palabra escrita e axuda a recuperar a memoria, os costumes e a etnografía, convertendo a propia peza nun arquivo de estudo«.

A curtametraxe recolle a información máis relevante da investigación e xoga cunha linguaxe e estilo próximos a relatos máis poéticos.

Os millos ausentes súmase ao listado de filmes de corte etnográfico de Illa Bufarda. Outros exemplos son: Negro Púrpura, O latexo do tempo humano, A telleira de Boimil, Patrimonio Habitado ou a peza pendente de estrear Anatomía fun forno (outra colaboración de Andrés Teira e Illa Bufarda, co financiamento da Universidade de Santiago de Compostela).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario