O PPdeG elixe o lema ‘Non é cousa de cores’ para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres (Vídeo)

por 21 Noticias

O Partido Popular de Galicia elixe o lema Non é cousa de cores para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres o próximo 25 de novembro, poñendo o foco así na responsabilidade colectiva de loitar contra esta lacra.

«Esta cuestión non vai de gaivotas, de bandeiras estreladas ou puños e rosas; nin de azul, vermello ou amarelo», afirmou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que incidiu en que a violencia de xénero «é un problema público e social de primeira magnitude» e que, polo tanto, «todos os poderes públicos temos o deber de adoptar as medidas necesarias para facer reais e efectivas os dereitos das mulleres».

A número dous dos populares galegos explicou nesta liña que a elección do lema co que o seu partido quere «incitar á reflexión e á sensibilización sobre a violencia contra as mulleres» responde a que a loita pola eliminación de todo este tipo de violencias «é cousa de todos e non cuestión de cores».

Aínda así, Paula Prado quixo poñer de manifesto que «o Goberno central ten moito que mellorar nesta materia» e apuntou á necesidade de renovar o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, revisar os erros do sistema VioGén á hora de valorar o risco das vítimas, promulgar unha lei estatal contra a trata de persoas ou «pedir perdón pola chapuza de lei que beneficiou a máis de 1.400 agresores sexuais».

Puxo en valor, pola contra, o traballo constante e pioneiro do Goberno galego neste eido e que se demostra no anuncio realizado esta semana polo presidente Rueda de que Galicia contará o próximo ano coa primeira Lei de violencia dixital de España.

BALANCE DE LEXISLATURA

Paula Prado amosou tamén o seu orgullo de vivir en Galicia e de formar parte dun partido como o PPdeG, que ao longo deste ano renovou a confianza dos galegos e galegas e comezou a executar os compromisos adquiridos na campaña electoral.

«Mentres tanto, Pedro Sánchez cumpriu esta semana un ano de lexislatura que non lle desexo a ninguén: un ano de corrupción, amnistía e parálise», contrapuxo referíndose á «agonía lexislativa que paraliza ao Goberno central e á agonía xudicial que o rodea de corrupción».

A secretaria xeral dos populares galegos ten claro que «Sánchez non goberna, senón que está na Moncloa», do mesmo xeito que «España non ten un Goberno, senón unha coalición de intereses que só comparten que non goberne quen gañou as eleccións». Nesta liña engadiu a falta de proxecto de país de quen «o único que ten é unha causa xudicial para cada mes».

A todo isto hai que engadir o «agravio continuado a Galicia», como se exemplificou co décimo aprazamento no Congreso do traspaso da AP-9 esta semana. «A Sánchez non lle preocupan as urxencias dos españois nin dos galegos: só lle preocupa a súa axenda xudicial», concluíu.

NOVA COORDINADORA DE CULTURA

Prado tamén anunciou a proposta de nomeamento da nova coordinadora de Cultura do PPdeG, que recaerá en María Baleato, actualmente concelleira responsable das áreas de Cultura, Turismo e Relacións Institucionais no Partido Popular de Santiago de Compostela.

Baleato é ademais presidenta da Comisión local de Turismo, Acción Cultural e Relacións Institucionais da formación local, membro da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Concello e secretaria desde hai anos da Asociación Cultural Casino de Santiago. Tamén formou parte do xurado do Premio Novela Europea, así como do Premio Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor.

«Trátase dunha persoa moi activa na vida cultural da cidade cultural por excelencia de Galicia», afirmou a secretaria xeral do PPdeG dándolle a benvida ao Comité Executivo do partido e desexándolle moito éxito nas súas novas responsabilidades.ºººº

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario