A Xunta entrega os diplomas ao alumnado do obradoiro ‘Santa Isabel V’, compartido por Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito

por Redacción Lugo

O Goberno galego financiará nos mesmos concellos un novo taller que comezará este ano e brindará oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas.

 A Xunta entregou hoxe os diplomas ás 20 persoas que completaron a súa formación no obradoiro de emprego Santa Isabel V, promovido polo Concello de Outeiro de Rei asociado cos de Castro de Rei e Cospeito. Na clausura participou a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.

Os mesmos municipios compartirán un novo taller –Camiño da Chaira VIII– que comezará este ano e proporcionará oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas. Ambas iniciativas suman un investimento de 943.000 euros do Goberno galego, a través das últimas convocatorias de axudas a entidades locais para desenvolver obradoiros de emprego nos seus respectivos territorios.                                                                                            

Estes programas alternan formación teórica e práctica profesional en sectores con demanda de traballadores e traballadoras, polo que o alumnado mellora as súas expectativas de optar a un emprego de calidade. 

As especialidades impartidas no taller que finaliza centráronse nos ámbitos da construción e a urbanización. No caso de Outeiro de Rei, o alumnado traballou no pintado e nos revestimentos exteriores e interiores do recinto do campo de fútbol e dos centros socioculturais de Robra, Sobrada e Bonxe.

En Castro de Rei, programouse a construción de 96 nichos distribuídos en 24 panteóns do cemiterio de Duarría; así como a rehabilitación parcial da antiga escola unitaria da parroquia de Mondriz.

Polo que respecta a Cospeito, as actuacións consistiron na pavimentación da rúa Daniel Castelao e do Camiño á Lagoa, ambos en Feira do Monte; e na humanización da rúa Billerma en Muimenta.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario