O evento estará organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración con Ingeniera Soy.
O Campus Industrial de Ferrol acollerá en 2025, concretamente, o 29 de marzo, a Gran Final da FIRST LEGO LeagueEspaña (FLL España), un evento organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración con Ingeniera Soy baixo o patrocinio da Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia.
A Sala Anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán foi o escenario elixido para presentar este venres a Gran Final dun programa internacional que, na súa edición de 2023/24, reuniu a máis de 1.200 equipos en 34 eventos locais sumando máis de 10.000 participantes en toda España.
Na súa intervención, o presidente de Ingeniera Soy, Javier Butragueño, destacou a solidez da candidatura presentada pola Universidade da Coruña recalcando a experiencia adquirida durante estes últimos 10 anos coa organización da FIRST LEGO Legua Galicia, así como a dispoñibilidade de espazos e de persoal voluntario para a súa posta en marcha no Campus Industrial de Ferrol. Pola súa banda, o coordinador da FLL Galicia, o profesorda Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (FERROL) José Antonio Becerra, agradeceu esta oportunidade seguro de que servirá para pór Ferrol, a súa comarca e o seu campus no mapa a nivel nacional.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, agradeceu o apoio prestado pola Deputación da Coruña, polo Concello de Ferrol e máis pola Xunta de Galicia así como todo o traballo que teñen realizado todos os preto de 100 voluntarios e voluntarias que cada ano colaboran na FLL Galicia. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, aproveitou a súa intervención para sinalar que a Gran Final da FLL España servirá para situar á cidade departamental como o “epicentro da innovación educativa a nivel nacional” nun evento no que se premiará, sobre todo, o enxeño e a creatividade.
Nesta mesma liña, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, agradeceu a elección de Ferrol como sede do evento e puxo en valor todo o traballo que realiza o profesorado e alumnadoimplicado neste programa educativo internacional “fóra de horario lectivo, botando man do seu tempo libre e de ocio”. Para rematar, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, reafirmaron o seu compromiso cun evento que permite achegar aos máis novos ao eido da enxeñaría seguros de que esta iniciativa seguira medrando edición a edición.
Que é a FIRST LEGO League?
A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
O desafío FIRST LEGO League en España
Desde o ano 2022, a Asociación ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posible grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.
Como funciona a FIRST LEGO League?
Cada temporada, a FIRST LEGO League permitirá aos mozos e mozas ver a ampla gama de oportunidades da industria STEAM botando man da súa exploración como parte de SUBMERGED, un desafío no que utilizarán o pensamento creativo e a tecnoloxía LEGO para explorar as capas do océano e levar as súas aprendizaxes e ideas á superficie mentres navegan cara o futuro.
Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:
– O Proxecto de Innovación. Un proxecto que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
– O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
– A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.