O Ineltrón Santo Domingo Betanzos viaxa a Oviedo

por Jorge García

O rival, con 3 vitorias e 3 derrotas, ocupa a métade da táboa.

Logo da dolorosa derrota na casa fronte a Recoletas Salud Carbajosa por 75-78, nun agónico partido en que o equipo betanceiro foi gañando durante practicamente todo o encontro, os de Doc visitan o Universidade de Oviedo, equipo vinculado ao Liberbank de 1a FEB, no que vai supor o 7o partido da Liga Regular do Grupo AB. Apremado pola necesidade de comezar a sumar, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos vaise atopar cun equipo de xente nova, no que destacan o pibote de Mali Djiguy Diarra (13,8 pp 9 rbp) e o canteirán do primeiro equipo Jorge Arias (13,3 pp 8,5 rpp), na que vén sendo a súa primeira temporada sénior.


Pese aos seus dispares resultados (vitorias fronte a Obradoiro, Carbajosa e Ávila; derrotas fronte a Marín, Chantada e Círculo Gijón) non hai que perder de vista que se trata dun dos conxuntos co calendario máis esixente do que vai de liga e que a súa cancha, o Polideportivo Universitario, é un auténtico fortín.


Así ve o partido Antonio “Doc”, o adestrador do equipo galego: “É un rival complicado, que está formado por xogadores novos en crecemento deportivo. Comezaron moi ben a liga e están demostrando ser moi competitivos, remontando un -20 ao descanso no seu partido en Ames contra o Obradoiro. Intentaremos dar un paso máis na nosa melloría de xogo da semana pasada e evitar eses colapsos do 3o cuarto que nos acaban pasando factura”.


A cita, marcada para sábado 23 ás 19h no Polideportivo Universitario de Oviedo, poderá seguirse en vivo pola canle de Youtube do equipo asturiano.


Primeiro cruzamento de cuartos de final da Fase de Inverno para o Grelo Santo Domingo Cadete
Polo que toca á canteira, a fin de semana do 23-24 de novembro trae consigo varios encontros interesantes, entre os que destaca o partido de cuartos de final da Fase de Inverno (previa á Fase de Ascenso a 1a División) do Grelo Santo Dominngo cadete masculino, que xoga en Elviña fronte ao Basquet Coruña U15 o domingo ás 20:00h, ou o segundo partido de semifinais do Infor-B júnior feminino fronte a Baxi Ferrol, partido, con todo, que queda no testemuñal polo avultado marcador da ida.


No que toca ao resto de partidos, o Grelo sénior feminino, as cadetes do Decornaveira, o J Caamaño Arquitecto infantil masculino e o Warnier Informática feminino xogan no Carregal.


O sénior de Segunda visita Maristas e La Goleta, o equipo de 3a, xoga en Carballo contra o Artai no serán do domingo..

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario