Novas Xeracións defende a participación activa da mocidade para «garantir o desenvolvemento, o coidado e o futuro do rural»

por 21 Noticias

Novas Xeracións celebrou en Guntín un coloquio sobre medio rural e mocidade onde os participantes puideron coñecer o funcionamento diario da gandería Bella, en Zolle, un exemplo de relevo xeracional no agro galego; así coma as melloras que está a acometer o seu responsable, Iván Rodríguez, coas axudas da Xunta para a incorporación de mozos e plans de mellora para explotacións gandeiras.

O encontro contou coa participación dunha trintena de persoas entre as que se atopaba a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira; o alcalde de Guntín, Ángel Pérez; o presidente da formación na provincia, Miguel Gallego, e o presidente de NNXX de Guntín, Álex González.

Grueira fixo fincapé en que “o rural non se entende sen os gandeiros e gandeiras que son os que garanten a sostibilidade, o desenvolvemento e o coidado do rural”. Así mesmo, engadiu que “a participación activa da mocidade é imprescindible para garantir non só que o rural sobreviva, senón que prospere no futuro”.

A dirixente autonómica da formación popular lembrou que “a Xunta de Galicia recoñece o papel da xuventude para asegurar o futuro do rural” e, nese sentido, “o Goberno galego está levando a cabo iniciativas para apoiar a incorporación de mozos e mozas ao sector agrogandeiro”. Así mesmo, sinala que “centra esforzos en fomentar o relevo xeracional e combater o abandono das áreas rurais”.

A Consellería de Medio Rural impulsa numerosas liñas de axudas para fomentar a incorporación de mozos e mozas ou para mellorar as estruturas de produción nas explotacións. “Estas axudas son estratéxicas para garantir a continuidade do sector, pero tamén para impulsar o desenvolvemento económico e social do rural en Galicia”, incidiu Grueira.

A popular tamén destacou “a crecente incorporación de mulleres ao sector agrogandeiro” e convida ás mozas a “emprender dende o rural” aproveitando “as oportunidades do territorio e os apoios da Xunta de Galicia”.

O AGROGANDEIRO, SECTOR IMPORTANTE E EN CRECEMENTO EN GUNTÍN

Ángel Pérez puxo en valor esta iniciativa de NNXX Galicia e que elixira Guntín para coñecer máis de preto iniciativas que permiten a mozos e mozas seguir no rural.

O rexedor popular destacou que “en Guntín seguen aumentando as granxas -non só de vacún, senón tamén avícolas- e, moitas delas, de xente nova”. Así mesmo, engadiu que “dende o Concello seguiremos apoiando ao rural e que a xente nova continúe coa actividade agrogandeira e vivindo no noso municipio”.

VISIBILIZACIÓN DO SECTOR PRIMARIO DA PROVINCIA

Miguel Gallego afondou na importancia do sector primario para a provincia de Lugo e destacou o medio rural como fonte de “oportunidades” tanto para o impulso e desenvolvemento de actividades económicas vinculadas aos recursos da provincia coma para asentar poboación nos pequenos concellos.

O presidente de NNXX da provincia e o vicesecretario de Medio Rural, Javier Arias, programan un calendario de visitas a explotacións da provincia para “aumentar a visibilización do sector agrogandeiro” e “amosar como se está desenvolvemento a o sector grazas ás novas incorporacións e os plans de modernización”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario