PPdeG. «O novo pronunciamento de Europa sobre Altri deixa en evidencia ao BNG e á esquerda: Seis veces preguntaron e seis veces dixéronlles que non hai incumprimento»

por 21 Noticias

 Os eurodeputados do Partido Popular de Galicia, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, celebran o novo pronunciamento da Comisión Europea sobre o a futura biofábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei no que, tras un novo intento por parte do BNG de «obstruír o proxecto», o órgano comunitario lembra que este «aínda está a ser obxecto dunha avaliación» e reafirma así a súa confianza no traballo realizado pola Xunta.

É a sexta vez que a Comisión Europea se pronuncia sobre o proxecto de Altri. Nesta ocasión, a eurodeputada do BNG preguntaba se se examinaran os documentos presentados polos colectivos afectados en abril deste ano. A Comisión Europea, pola súa banda, confirma que revisou a información dispoñible –tanto os mencionados documentos como os publicados pola Xunta de Galicia– e reitera que non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE.

O eurodeputado Francisco Millán Mon subliña que este novo pronunciamento da Comisión pon en evidencia a «insistencia irrazonable» do BNG e da esquerda: «Seis veces preguntaron á Comisión e seis veces respondéronlles que non hai incumprimento. A Comisión non pode ser máis clara».

«Desde o Partido Popular sempre defendemos que o proxecto de Altri pode ser un bo medio de creación de emprego e innovación industrial, pero é esencial que se cumpran os requisitos legais e ambientais. Por iso, a tramitación do proxecto está a ser absolutamente garantista», argumenta o eurodeputado popular. «Hai que deixar traballar aos técnicos e aos expertos, que están a levar a cabo a súa tarefa de análise e avaliación do proxecto con todo rigor», pide Millán Mon.

Pola súa banda, Adrián Vázquez insiste en que «en Europa teñen claro que a obsesión do BNG con Altri non ten nada que ver coa ecoloxía, senón que se trata dunha maneira pouco sofisticada de tentar desgastar a un Goberno que funciona».

Nesa mesma liña, Vázquez celebra que Europa avale por sexta vez que «as cousas se fan ben e que sexa a Xunta, quen mellor vela polos intereses de Galicia, a que decida sobre un proxecto tan importante como este».

«A Administración autonómica conta con magníficos profesionais. Deixemos que faga o seu traballo e deixemos de presentar peticións á Comisión que só danan a imaxe de Galicia en Europa», conclúe.  

Etiquetas
Comparte éste artículo
1 Comment