O xurado declara a catro acusados culpables de asasinar a Samuel Luiz, un deles como cómplice

por Óscar de Souto

O Tribunal do Xurado considerou a Diego M.M., Alejandro F.G., Kaio A.S.C. e Alejandro M.R. culpables de asasinar a Samuel Luiz durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da Coruña. No caso de Alejandro M.R., como cómplice, por formar parte do grupo agresor durante toda a persecución, impedindo a defensa e fuxida da vítima, chegando a forcexar cunha das persoas que a auxiliaban e sen desvincularse do grupo en ningún momento. A Kaio A.S.C. tamén o declarou culpable dun delito de roubo con violencia, pois entende acreditado que lle subtraeu o teléfono móbil á vítima, de 24 anos. Respecto a Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C. entendeu que concorre a agravante de aleivosía.

O xurado popular considerou a Catherine S.B. non culpable, por unanimidade, do delito de asasinato, nin como coautora nin como cómplice, pois entendeu non probado que ao apartar a unha amiga da vítima quixese evitar a súa defensa e rexeitou que formase parte do grupo agresor. O tribunal do xurado concluíu que tratou de “conter e separar” a súa entón parella -Diego M.M.- e tamén fixo referencia ao seu comportamento posterior á agresión.

Os membros do xurado consideraron que concorre a agravante de discriminación por condición sexual no caso de Diego M.M., pois concluíron que actuou pola súa animadversión cara á orientación sexual que lle atribuíu á vítima. En canto ás atenuantes, rexeitaron, tal e como solicitaron os seus defensas, que Diego M.M. tivese alteradas as súas capacidades pola inxesta de alcol e, no caso de Alejandro F.G., que tivese as súas facultades mermadas por un trastorno de personalidade, hiperactividade e déficit de atención, unidos ao consumo de cocaína e alcol.

A lectura do veredicto, cuxo obxecto se entregou o luns a última hora da tarde aos nove membros do Tribunal do Xurado, tivo lugar esta mañá na Audiencia Provincial da Coruña. Por unanimidade, entenderon probado que a vítima faleceu como consecuencia dos golpes múltiples, máis intensos na rexión cranial, que lle propinaron durante unha agresión grupal. Diego M.M., segundo o veredicto, iniciou a agresión minutos despois de saír dun pub en compañía da súa noiva ao ver á vítima cun teléfono móbil e crer que lles estaba gravando cando, en realidade, realizaba unha videollamada.

Os membros do Tribunal do Xurado entenderon acreditado que a vítima se atopaba “totalmente indefensa e desvalida debido ao elevado número de persoas que a agredían e rodeaban», incapaz de facer «ningún acto hostil» contra o grupo agresor porque non se atopou ningún resto biolóxico dos agresores na vítima. Ademais, deron por probado que os tres coautores tiveron que entender como probable as consecuencias dos seus actos e asumiron o risco que a súa acción conlevaba, aceptándoo.

No xuízo, que comezou o pasado 15 de outubro na Audiencia Provincial da Coruña, declararon case 80 testemuñas e peritos. A maxistrada presidenta do Tribunal do Xurado, de conformidade co veredicto emitido hoxe, ditará a sentenza, na que especificará a pena que lle corresponde a cada un dos catro acusados que foron declarados culpables.

Tras a lectura do veredicto, as acusacións solicitaron para Diego M.M. 25 anos de cárcere; para Alejandro F.G., unha condena de 22 anos de prisión; e, para Kaio A.S.C., de 22 anos de cárcere polo delito de asasinato e de cinco anos de prisión polo delito de roubo con violencia, mentres que para Alejandro M.R. demandaron 13 anos de prisión. En todos os casos pediron cinco anos de liberdade vixiada, a contabilizar unha vez cumpridas as penas de prisión.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario