A Banda Municipal volve este domingo ao Teatro Colón cun concerto dirixido pola directora valenciana Beatriz Fernández

por Redacción A Coruña

A actuación, que dá continuidade á programación do ciclo de outono, comezará ás 12.15 horas e será aberta ao público ata completar a capacidade prevista.

O Teatro Colón acolle este domingo 1 de decembro un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que dará continuidade á súa programación do ciclo de outono cunha actuación na que a protagonista será a directora Beatriz Fernández Aucejo, oriúnda de Paiporta (Valencia).

Fernández, que forma parte activa da Academia ‘La Maestra’ da Philharmonie de París, estivo á fronte da Orquesta de Valencia e a Orquesta Sinfónica de Barcelona, entre outras. Ademais, tamén debutou coa Orquesta Nacional de España. O seu percorrido profesional recente tamén a levou, por exemplo, a cidades como San Diego (Estados Unidos).

O director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis, apuntou que «a participación de Beatriz Fernández como directora convidada é froito dun intenso traballo para cadrar axendas e conseguir que unha profesional do seu prestixio estea esta fin de semana connosco».

O concerto incluirá pezas de José Suñer e Claude T. Smith

A actuación deste domingo, que arrincará ás 12.15 horas, comezará cunha primeira parte na que a Banda interpretará pezas de Claude T. Smith e Hardy Mertens. Xa a continuación, a agrupación achegarase ao repertorio de José Suñer con ‘Soulful stones’, nun escenario máis vangardista. «Son, en definitiva, pezas moi coñecidas no mundo bandístico», apuntou Llopis. 

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir ao concerto, que será de acceso libre ata se completar a capacidade prevista no Teatro Colón. «O Goberno de Inés Rey segue a impulsar a programación cultural na cidade atendendo moi especialmente ás formacións musicais da nosa terra, coidando a nosa tradición e tamén propiciando que haxa o acompañamento e participación de figuras con proxección e recoñecemento internacional, como é o caso de Beatriz Fernández», expuxo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario