O presidente da Deputación da Coruña destacou que Galicia é “o maior exportador de enerxía renovable de España” mentres na provincia da Coruña hai máis de 15.000 millóns de euros de investimento do sector paralizados.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de inauguración do XXIII Congreso de Directivos CEDE, que conta co patrocinio da institución provincial, e que reúne na cidade herculina a algúns dos directivos e executivos das principais empresas de España. Durante a súa intervención, Formoso apelou ás capacidades de Galicia como territorio de “soporte enerxético para proxectos industriais estratéxicos que xa están en marcha”.
“Hai nove anos tiven a oportunidade grazas a CEDE de falar para España e para o mundo sobre a capacidade empresarial e industrial desta provincia. Ofrecín este territorio estable, tranquilo e que sabe valorar esforzos para máis investimentos empresariais e industriais. E a realidade imponse: hai máis investimentos”, apuntou o presidente da Deputación.
O presidente alertou que estas iniciativas necesitan “un soporte enerxético”, que Galicia ten condicións para ofrecer: “Somos maior exportador de enerxía renovable de toda España e o maior produtor durante os dous últimos anos”, apuntou.
Sen embargo, o presidente apuntou que para que isto sexa posible, é necesario superar dous retos: a paralización de numerosos proxectos por parte da xustiza e a crispación política. Por unha banda, sobre o primeiro, destacou que actualmente hai paralizadas dúas inversións de máis de 15.000 millóns de euros na provincia polo “criterio dun pequeno grupo de xuíces, que teñen postrado a un sector enerxético que necesita dar viabilidade a todos estes proxectos”.
Por outra banda, apuntou cara o sector político. “A continua crispación política que hai a nivel do Estado e a nivel europeo está afectando á certeza dos inversores. Unha división política que cercena o progreso. Por iso finalizo apelando a esa concordia que é tan galega, a ese sentidiño que temos en Galicia e que permitiu que esa puxanza económica e industrial asentase aquí”, expresou o presidente da Deputación da Coruña.