Os abulenses son oitaivos, empatados co quinto, e aspiran a máis.
Difícil rival o que recibe o Ineltrón Santo Domingo Betanzos este domingo, logo da lamentada derrota en Oviedo. O Óbila (Hotel 4Postes Ávila Auténtica) é un equipo con varias temporadas en Leb Plata (agora Segunda Feb) que, logo de confeccionar unha plantilla para disputar os primeiros postos do Grupo AB da Tercera Feb, ocupa polo momento a oitava praza empatado co quinto, o Obradoiro Ames, ambos os dous con 4 vitorias e 3 derrotas (ao igual ca o Traumacor Culleredo e o Universidade de Oviedo).
No seu róster destaca o base-escolta Mario Linde Gil (23, 9 pp), o aleiro ourensán Stefanutto, todo un clásico na categoría cun par de temporadas en Plata (15,7 pp e 8,4 rbp) ou o cubano, naturalizado español Santo Jesús Cabrera Salmón (7,4 rbp) acompañados de vellos coñecidos do equipo como o neerlandés Jonah Sebastian Callenbach, que volveu ao club na temporada 21/22 logo de marchar del na 12/13 na que os de Ávila xogaban.
Así valora o encontro Antonio “Doc” o adestrador dos betanceiros: “Vai ser un partido moi complicado, Óbila ten unha plantilla moi completa e aínda que veñen de perder por 40 con Círculo Gijón, non hai que esquecer que gañaron a Chantada e ao Perfumerías Avenida Xoborg, polo que nos agarda un rival que, se non facemos as cosas moi ben, pode facernos sufrir. Intentaremos competir ao nivel dos 2 últimos partidos y sobrepoñernos a unha semana de adestramento complicada polas baixas.
A cita, na que os betanceiros están impelidos a sumar, terá lugar o domingo 17h no Carregal (futuro pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”).
Triplo enfrontamento co Básquet Coruña na canteira
Polo demais, a fin de semana do 30 de novembro-1 de decembro depara un bo número de partidos entre os que destaca un triplo enfrontamento entre os betanceiros e o Básquet Coruña. Abre a peculiar axenda o cadete feminino do Decornaveira o sábado ás 12 no Carregal, no que supón a estrea do Grupo A3 da liga Coruña-Ferrol, segue o cadete masculino de Grelo o día a seguir ás 10h no Ventorrillo, na semifinal da fase de inverno da liga da Coruña, onde se dilucidan os equipos que han xogar a fase de ascenso a Primeira División, e pecha a xeira o J. Caamaño Arquitecto en Riazor, o domingo ás 12h, cun partido no que está en disputa o primeiro posto do Grupo Norte da liga galega infantil (os de Antonio Seijo e Alberto Caamaño deben superar un difícil -14 de average).