PAVA publicará este venres ‘O himno da lesión’

PAVA 3, o novo álbum da formación liderada por Lucía Aldao, verá a luz no mes de decembro.

A banda PAVA, liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, publicará este venres, 29 de novembro, o seu novo sinxelo, titulado ‘O himno da lesión’. Trátase do novo avance do que será o terceiro álbum do grupo, gañador do último Premio Martín Códax na categoría Pop e Indie, un EP que verá a luz no vindeiro mes de decembro.

‘O himno da lesión’, cunha portada asinada polo artista local Antón López Bazarra, é un tema «en modo supervivencia». Tal e como expón Lucía Aldao, «se as cancións puidesen ir a terapia, a psicóloga a esta diríalle: fixeches un esforzo moi grande por manterte alegre e con certa coña a pesar de todas as tristezas que estás enumerando».

Así, ‘O himno da lesión’, un xogo de palabras gracioso e revelador a un tempo, é unha canción «que non se pode deixar caer porque sairía un tema horroroso e terrible, así que nin tan mal, pero a procesión vai por dentro, ou sexa por detrás da canción», segundo explica a cantante e guitarrista Lucía Aldao.

Este sinxelo é o segundo avance do novo EP dunha formación -cuarteto conformado pola propia Aldao, Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra- que, mantendo a tradición, titulará como ‘PAVA 3′ este terceiro traballo que se poderá escoitar no mes de decembro e do que xa se coñece o tema Catastro’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios