- O Partido Popular de Lugo considera que o veto á comparecencia da alcaldesa para explicar o conflito laboral da gardería Gregorio Sanz é unha estratexia deliberada para desviar a atención e tapar a pésima xestión dun servizo municipal tan sensible como este, onde os principais afectados son os nenos.
- Esta semana foi a segunda vez que o goberno local tumbou a petición do PP para que a alcaldesa compareza en pleno. A primeira foi en outubro, cando xustificaron o veto alegando que a comparecencia debía pasar por unha comisión informativa previa. Agora, despois de que fose incluída na orde do día do pleno, o goberno local volveu bloqueala.
- Para Mar Carballas «un goberno que veta unha comparecencia en pleno ten algo que ocultar. A negativa a comparecer é un feito grave que pon de manifesto a falta de compromiso coa transparencia xa que o pleno é o espazo idóneo para rendir contas ante a cidadanía.»
Falta de transparencia como norma
- «Este goberno opta por estratexias dilatorias en vez de buscar solucións reais aos problemas dos lucenses. Non só ignoran a situación na gardería Gregorio Sanz, senón que sistematicamente tratan de evitar que a oposición cumpra coa súa función de control e fiscalización».
- «Este non é un feito illado. A opacidade e o silencio son a resposta habitual a moitas das nosas demandas de explicacións», lembrando que «por este motivo, o Grupo Popular solicitou esta mesma semana unha reunión coa Valedora do Pobo».