A sede da Deputación da Coruña acolleu onte sábado as xornadas «Rumbo sostible: Conversacións sobre o futuro que queremos para o sector pesqueiro», organizadas pola área de Mar e Medio Rural da institución provincial
O encontro reuniu a representantes das confrarías de pescadores, institucións, comunidade científica e expertos en recursos mariños, consolidándose como un foro clave para abordar os retos e oportunidades do sector.
A deputada Cristina Capelán Cancelo inaugurou as xornadas, destacando que, por primeira vez en 200 anos de historia, a Deputación conta cunha área específica de Mar, Medio Rural e Apoio a Sectores Productivos. «Esta aposta reflicte o compromiso do Goberno provincial co futuro do sector pesqueiro, reforzado tamén con feitos como o incremento do orzamento destinado ás confrarías de pescadores da provincia, que pasa de 500.000 a 650.000 euros anuais», apuntou a deputada.
Durante a xornada, tratáronse cuestións fundamentais para a sustentabilidade da pesca artesanal e a preservación dos recursos mariños. Abordouse o impacto do cambio climático na flota artesanal e a necesidade de conservar os ecosistemas costeiros, coa colaboración de investigadores do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e a Universidade de Santiago de Compostela. Tamén se analizaron estratexias para a revalorización dos produtos pesqueiros e para unha xestión sostible dos recursos mariños, coas experiencias compartidas por confrarías como as de Noia, Barallobre e Aguiño, e por representantes da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro (RIMP) Os Miñarzos, a primeira da costa atlántica da península Ibérica, creada por iniciativa da confraría de pescadores de Lira (Carnota).
A xornada pechouse coa presentación de casos de éxito e proxectos innovadores que combinan tradición, innovación e respecto polo medio ambiente. Estes exemplos demostraron como a diversificación e a colaboración poden fortalecer as economías locais e mellorar a calidade de vida das comunidades costeiras.
Como resultado, elaborarase unha folla de ruta práctica na que a aposta pola innovación e a cooperación serán alicerces para o futuro do sector. Cristina Capelán subliñou que o éxito destas xornadas reflicte «a importancia de sumar esforzos entre institucións, sector produtivo e comunidade científica para garantir a sostibilidade dos recursos mariños e preservar a herdanza mariña galega para as xeracións futuras».