A Deputación da Coruña doa unha nova furgoneta a Padre Rubinos

por Redacción A Coruña

A Deputación da Coruña doa á Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos unha nova furgoneta que será destinada á recollida de alimentos para o comedor social da entidade.

O vehículo foi entregado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao seu homólogo da entidade social, Eduardo Aceña, que agradeceu a colaboración da institución provincial para a doazón do vehículo, que viaxará varias veces á semana a distintos puntos da provincia, onde empresas privadas do sector da alimentación como Gadisa, Eroski e Mercadona, e entidades como o Banco de Alimentos ou a Lonxa da Coruña doan periodicamente alimentos destinados ao seu comedor social, que conta con 164 prazas e abre os 365 días do ano.

A furgoneta é unha das oito que a Deputación adquire este ano para entidades sociais da provincia. Aspromor, Adcor, a Comunidade dos Muchachos Agarimo, o centro Pai Menni de Betanzos, a Asociación Galega de Familias de Acollida Acougo, a Fundación Aperta e a Asociación de Familias de Enfermos de Alzheimer de Fisterra e Soneira (AFAFES) son as outras entidades beneficiarias da convocatoria deste programa.

Hoxe mesmo, a Deputación da Coruña publica no Boletín Oficial da Provincia a as bases e apertura do prazo de solicitudes dunha nova liña de subvencións, por importe de 400.000 euros, para a adquisición de furgonetas e vehículos de transporte adaptado destinados ás entidades sociais da provincia durante o ano 2025. 

A  Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos é unha asociación sen ánimo de lucro que nace oficialmente como Patronato de la Caridad en 1918, aínda que ten as súas raíces en 1913. Foi declarada de utilidade pública en 1974.

Ao longo do século XX, a entidade foi crecendo e ampliando o seu traballo no eido social. Hoxe en día conta tamen cunha escola infantil e unha residencia de maiores.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario