A Xunta achega 12.000 euros para mellorar o local social da asociación veciñal de Serés, en Castroverde

por Redacción Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a axuda permitiu cambiar as ventás e eliminar barreiras arquitectónicas no acceso principal e no aseo

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achega 12.000 euros á asociación de veciños cultural e deportiva de Serés, en Castroverde, para acondicionar o seu local social.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou onte no acto de inauguración da reforma e foi o encargado de descubrir a placa conmemorativa da xornada. Arias explicou que o financiamento corresponde á orde de axudas deste ano para colaborar cos colectivos veciñais na mellora das súas instalacións e na adquisición de equipamento.

Neste caso, a achega serviu para cambiar as ventás e a porta exterior do recinto por outras máis modernas e con mellores características; así como para renovar a pintura interior.

Tamén se procedeu á eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso ao inmoble e no aseo. Así, na entrada substituíronse os chanzos por unha rampla; e no que respecta ao baño ampliáronse as súas dimensións e instaláronse elementos adaptados ás necesidades de todo tipo de usuarios, incluídas as persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida.

Arias destacou que todas estas obras en conxunto permitirán aos usuarios estar máis cómodos no local para participar nas actividades da asociación. Subliñou que a Xunta renova anualmente a súa cooperación cos colectivos veciñais para apoiar o labor de  dinamización social e cultural que promoven en toda a provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario