Un proxecto en trámites previos entre Bande e Verea pretende levantarse sobre o mesmo espazo que a avaliación ambiental xa considerou inviábel para explotación eólica en 2023
STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA comeza unha campaña de información e oposición a dous proxectos de macropolígonos eólicos que volven a ameazar as nosas comarcas.
A plataforma convocará proximamente unha marcha en defensa das nosas montañas diante da segunda onda da invasión eólica que pretende burlar á avaliación ambiental que parou, hai menos de dous anos, o primeiro intento de espoliar territorio e recursos no Monte Grande, entre Bande e Verea, con DIA desfavorábel ao polígono Fontesanta, o primeiro fracaso de Greenalia na zona do Limia. E lanza ao mesmo tempo un ataque ao rico patrimonio cultural e paisaxístico sobre o Arnoia.
Cantanarrás, contra unha carballeira de 1.500 hectáreas
Agora as corporacións enerxéticas mudan os nomes e volven con outro proxecto, denominado Cantanarrás, que na práctica calca o anterior e ameaza cos mesmos impactos sobre a fauna, as augas, o patrimonio, a paisaxe e a saúde das persoas que o anterior. Impactos que determinaron a súa inviabilidade.
HUMIDAIS PROTEXIDOS. Cantanarrás aparece publicado no Rexistro Eólico como proxecto en trámites previos, con 10 aeroxeradores de 194,5 metros (máis altos que no primeiro plan de Greenalia, desbotado pola Administración), que arrodean a Lagoa Grande (Bande), catalogada este mesmo ano 2024 no Inventario de zonas húmidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
RESERVA BIO DE ALLARIZ. O macroproxecto sitúase no linde entre os concellos de Bande, Verea e Rairiz, xusto no límite da Reserva da Biosfera Área de Allariz, é dicir, a metros do núcleo de esta área protexida que, xa en outubro de 2022, mostrou diante da Xunta e do Comité español do MaB (Programa Home e Biosfera) o seu rexeitamento á instalación de polígonos eólicos nas zonas núcleo e tampón.
AVES DA LIMIA. Por riba, os dez aeroxeradores que se proxectan e todas as infraestruturas asociadas, levantaríanse nun rango de entre un e cinco quilómetros da ZEPA A Limia, que engloba o LIC Veiga de Ponteliñares, figuras de máxima protección ambiental e que afectan aos concellos de Rairiz e Porqueira, entre os directamente afectados polo proxecto.
CARBALLOS E RÍOS. O polígono industrial eólico Cantanarrás sitúase sobre unha área de tradicional aproveitamento forestal, na vertente oeste, en Bande, e sobre unha carballeira centenaria de 1.500 hectáreas, na faldra este, en Verea; e apenas a uns quilómetros da Carballa da Rocha, árbore senlleira que na que a Xunta veu estes días a anunciar unha protección especial mentres abre as portas a destrución de miles de carballos no bosque. As pistas, zapatas, cableado e aeroxeradores construiríanse sobre os regatos que, cara ao norte, fan parte do sistema hidrolóxico do Ourille, con afeccións sobre o subministro de auga de Celanova; e, cara o sur, no sistema do Limia, con máquinas de case douscentos metros a menos de dous quilómetros sobre o curso do río.
P.E. Arnoia, ameza castros e torres sobre o Miño
No DOG do pasado venres a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico AMR 7 PE Arnoia.
220 METROS DE ALTURA. O prazo de alegacións contra este proxecto empeza mañá luns, 2 de decembro, e remata o xoves 16 de xaneiro. Coa colaboración da asociación ambientalista Petón do Lobo, STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA porá a disposición da veciñanza destes concellos das nosas comarcas un modelo de alegación para se opoñer a este macropolígono, que pretende instalar aeroxeradores dunhas dimensións descoñecidas nesta parte do país: 220 metros de altura.
MÁMOAS, CASTROS E CASTELOS. O macropolígono, de 7 aeroxeradores SG170, con 6,2MW de potencia -para non superar o límite de 50 MW, que implicaría ter que realizar a tramitación a través do MITECO- e 135 metros de altura do buxe e 170 de diámetro de rotor, provocaría unha afección severa ao rico patrimonio cultural da área. Veríase afectado directamente o complexo tumular Mámoas da Chaira (nove mámoas), producindo entre outros efectos a súa descontextualización. E sufrirían un impacto visual e paisaxístico severo elementos como a Torre de Sande ou Castelo de Prado –a 800 metros dun dos aeros-, o Castro de Sande e o Castro da Cidá de Pereda, e o Couto Novelle.
AS PERSOAS E A PAISAXE. Estes enormes aeroxeradores provocarían ademais impactos directos sobre poboacións. As máis afectadas: Calvelos e O Bidueiro, coas pás dos aeroxeradores a menos de 700 metros, e Oleiros, a apenas 410 metros. Pero tamén os impactos serían severos sobre os núcleos de A Teixugueira, A Armada, Prado, San Pedro, Pereda, Cartelle, Sande, O Bidueiro, Reigoso, Os Pereiros, e O Traveso. Xunto ao ruído e outros riscos para a saúde, e tamén como afección sobre as persoas, unha infraestrutura industrial como a que se proxecta suporía impactos paisaxísticos severos e irreversíbeis sobre o Mirador do Coto de Novelle, o Mirador do Canon do río Gato, o Mirador do Monte do Castro, e a áreas de especial protección paisaxística do Baixo Arnoia e sobre o Roteiro do Río Arnoia.
E POR RIBA, MÁIS ALTA TENSIÓN. A infraestrutura proxectada inclúe unha Liña de Alta Tensión de 4 quilómetros que evacuaría a enerxía do polígono industrial eólico até a Subestación de Castrelo de Miño de 220 kV de potencia. O tendido pasaría polos municipios de Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle, nunha área de alta densidade de tendidos eléctricos e nodos de distribución.