O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicitou por escrito ao Concello de Celanova que «retire o seu apoio á actividade denominada ‘I Andaina Cultural’ e retire das súas redes sociais e entidades dependentes do Concello a publicidade da mesma».
O Comité entende que a convocatoria aludida, que inclúe entre as actividades unha visita ao «Monte da Cruz», está utilizando conscientemente esa denominación no canto do topónimo oficial cun ánimo contrario á lei de memoria e ao espírito de todas as resolucións que desde o Concello de Celanova se veñen tomando desde o 30 de novembro de 2022, cando por unanimidade en pleno se acordou a retirada do símbolo falanxista ilegal dese espazo e se recuperou definitivamente como topónimo oficial o de OUTEIRO DA OBRA.
No escrito, rexistrado este domingo, lémbrase que, segundo o previsto na Ley de Memoria Democrática 20/2022, de 19 de outubro, a convocatoria de actos que inciten á exaltación persoal ou colectiva «de la sublevación militar, de la Guerra o de la Dictadura, de sus dirigentes, participantes en el sistema represivo o de las organizaciones que sustentaron al régimen dictatorial, cuando entrañe descrédito, menosprecio o humillación de las víctimas o de sus familiares» debe ser sancionada, e que as autoridades que teñan coñecemento desas actuacións «estarán obligadas a comunicarlo al órgano competente para incoar el procedimiento sancionador».
E sinálase que a lei advirte que as Administracións públicas «en ningún caso podrán otorgar subvenciones que tengan por objeto la realización de una actividad o el cumplimiento de una finalidad que atente, aliente o tolere prácticas calificadas como infracciones».