O PSdeG afronta con ilusión o novo escenario con máis peso nos órganos directivos do PSOE

por 21 Noticias

Unha valoración “non só positiva, senón tamén moi optimista”. Neses termos se referiu o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, ao resultado do Congreso Federal do PSOE para os socialistas galegos. Nun contexto marcado pola polarización á que empuxa a ultradereita “e as forzas que lle fan o xogo”, Torrado sinalou a aposta do PSdeG polas políticas “que lle importan á cidadanía”, coma os dereitos, a igualdade de oportunidades o Estado do benestar “ou que o sistema económico funcione”.

“Nós defendemos isto dende hai moito tempo”, asegurou o voceiro da Executiva, que insistiu en que, por ese e outros motivos, desde o PSdeG se ve “con moitísima ilusión e optimismo” o desenlace do Congreso de Sevilla, algo que explicou sobre tres elementos: o incremento do peso dos socialistas de Galicia no PSOE, a influencia nas políticas de progreso nos próximos 10 anos e a cohesión interna do PSdeG. A eles engadiu tamén a importancia do municipalismo.

“Sen ser o máis relevante do debate, tamén é certo que é importante”, matizou Torrado sobre o primeiro deses tres aspectos, e indicou que se pasa de dous membros a tres na Executiva Federal, e de cinco a seis no Comité Federal. Do primeiro dos órganos forman parte o senador César Mogo e os alcaldes de Vigo, Abel Caballero, e da Coruña, Inés Rey, neste caso por ser vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias. Xunto a eles estarán a viguesa Emma López, concelleira en Madrid, e o lucense Manuel García, do PSC.

“Vese o peso e a influenza de José Ramón Gómez Besteiro”, asegurou sobre a circunstancia de que coincidan na Executiva a actual representante da FEMP e o anterior, ambos galegos, o cal dá “unha pista sobre a importancia do municipalismo”, unha das bandeiras do PSdeG, especialmente no que se refire á loita por un financiamento local xusto. “Non é nada fácil que coincidan nas executivas federais o representante da FEMP e o seu antecesor”, remarcou Torrado.

Etiquetas
Comparte éste artículo
1 Comment