Ábrese o prazo para presentar curtametraxes rodadas en galego.
“NCD consolídase, segue medrando e vén para quedar”. Son palabras de Fernando Cayazzo, un dos codirectores do festival Norte Cinema Diverso da Coruña, que xa ten datas para a edición de 2025. Son o 20, 21 e 22 de febreiro. A sede, de novo, será o Teatro Colón.
“Esta terceira edición significa consolidación, que a xente empece a falar deste festival que se fai na cidade”, sinala Fernando Cayazzo. “Estamos moi emocionados por sacar adiante unha nova entrega do certame. É importante. Diría que a palabra é necesaria. Basta con botar unha ollada ao panorama internacional e ver que queda moitísimo por loitar.”
Ata o 24 de xaneiro de 2025 está aberto o prazo para participar na sección de curtametraxes LGTBIQ+ rodadas en galego.“Norte Cinema Diverso aposta pola diversidade e polo noso idioma. Os creadores en galego poden enviar as súas obras, de non máis de 30 minutos de duración, a nortecinemadiverso@gmail.com. Ademais, seguiremos co NCD Educa, que levará unha selección de curtas e posterior debate por diferentes institutos da cidade. O ano pasado chegamos a 800 escolares, principalmente de 4º da ESO. Tamén realizaremos por segundo ano o taller de cine móbil.”, destacou Cayazzo.
A mellor curtametraxe será galardoada co Premio Marieta, o zoco da diversidade elaborado pola artesá Elena Ferro. A gañadora da primeira edición foi Una dedicatoria a lo bestia, de Nucbeade. En 2024 premiouse a curta portuguesa Um caroço de Abacate, de Ary Zara.