A delegada destacou que a última intervención supuxo un investimento de 10.300 euros que se uniu ao realizado polo concello da Laracha para poñer en valor este xacemento.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá, acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel Varela e polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez o castro de Montes Claros no que se levaron a cabo traballos de campo para a súa revalorización. Concretamente, co apoio da Xunta seguiuse avanzando na consolidación e acondicionamento deste castro co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización. Cun orzamento de 10.300€, estas tarefas veñen dar continuidade aos traballos realizados desde o ano 2017 para favorecer a posta en valor deste ben catalogado e concéntranse, nesta ocasión en ampliar as tarefas de investigación e rexistro deste xacemento.
Os labores consistiron en determinar a finalidade das construcións localizadas ao pé da entrada leste do poboado, na primeira terraza fóra da croa ou barrio extramuros, a intervención con metodoloxía arqueolóxica, realizase a diagnose do estado de conservación, a musealización e a consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se fixo un levantamento topográfico, en tres dimensións, da área de actuación e un debuxo das estruturas exhumadas. Todo isto completouse coa recollida de mostras e documentación gráfica.
Neste espazo tamén se levou a cabo unha segunda actuación de promoción municipal centrada na investigación da porta monumental, calzada de entrada e torreón leste.
Belén do Campo destacou que o castro de Montes Claros consolídase como un dos enclaves arqueolóxicos máis significativos de Galicia, destacando polo seu valor histórico, cultural e patrimonial.
Este asentamento, que data da época prerromana, ofrece unha xanela única á vida das comunidades castrexas que habitaron a nosa terra fai máis de dous mil anos. Cos seus impresionantes restos arquitectónicos e a súa privilexiada localización, este xacemento non só é un testemuño do enxeño e a organización das sociedades antigas, senón que tamén representa un recurso cultural e turístico clave para a comarca de Bergantiños.
Seis actuacións na provincia da Coruña
A actuación enmárcanse no Plan de intervencións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que neste ano contempla un total de 32 accións en 30 concellos de toda Galicia. A Xunta fai un investimento total no Plan de intervencións arqueolóxicas 2024 de 551.162€, destinando á provincia da Coruña 74.100€.
No caso da provincia da Coruña, inclúense seis intervencións entre as que destacan as intervencións no campamento romano de Ciadella (Sobrado) e en Montes Claros A Laracha, e na escavación arqueolóxica no castro de Sarridal (Cedeira). Son proxectos que se completan con outros en Zas (Camiño Pedra do Altar), e cos realizados na cámaras megalíticas en Noia, Boiro e Ribeira, e nos petróglifos localizados no lugar de Balteiro.