As persoas que asistan desfrutarán dunha chocolatada, crepes, castañas e outras sorpresas.
O Nadal chegará este xoves á Laracha co acendido da iluminación que se realizará na Praza do Concello ás 18:30 horas e a inauguración do poboado que decorará o entorno da Casa Consistorial durante as próximas semanas. O acto vai dirixido a todos os públicos e os asistentes tamén poderán desfrutar dunha chocolatada, crepes, castañas e outras sorpresas.
Nas festas o Concello volverá organizar unha ampla programación cultural coa que fomentar o espírito do Nadal entre a veciñanza e ofrecer propostas de ocio, especialmente dirixidas ao público infantil, xuvenil e familiar para facilitar o aproveitamento do tempo de lecer durante as vacacións nos centros escolares.
Como é tradicional na Laracha, a primeira actividade irá dirixida aos colexios. Os días 16, 17 e 18 de decembro realizarase na Casa da Cultura o festival de teatro infantil en horario lectivo. Teatro Ghazafelhos porá en escena a comedia Ándele, Bon appetit!. Nesas tres xornadas realizaranse un total de cinco pases para posibilitar a asistencia de todo o alumnado, preto de 800 nenos, dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.
O luns 23 de decembro Papá Noel estará no poboado da Praza do Concello de 11:30 a 13:30 h pola mañá e de 17:00 a 20:00 h pola tarde para saudar a todos os nenos que se acheguen ata aló.
Ese mesmo día tamén haberá un espectáculo teatral para o público infantil. A Casa da Cultura acollerá desde as 17:30 horas a obra Hugo, de Os Náufragos Teatro, unha peza que aborda, coa máxima sensibilidade, as micro discriminacións diarias experimentadas polas persoas con trastornos do espectro do autismo.
O día 27 ofrécese o contacontos da compañía Xarope Tulú Lingoreteira, un espectáculo para público familiar que combina a narración oral, a música e a manipulación dun monicreque. Será na Casa da Cultura da Laracha ás 17:30 h.
O luns 30 o Centro Sociocultural de Paiosaco acollerá ás 17:30 h Circanelo, un show clown de N+1 que combina o teatro xestual, a danza e a acrobacia para que os asistentes desfruten dunha viaxe por un mundo de emocións, xogos e improvisación.
Xa no novo ano haberá outros dous contacontos infantís, ambos tamén ás 17:30 h. O día 2 de xaneiro, no Centro Sociocomunutario de Caión ofrecerase Os contos de William Shakespeare, co que a compañía Pedras de Cartón fai un percorrido polas obras máis coñecidas do dramaturgo inglés, pero adaptándoas para o público infantil e familiar. E o 3 de xaneiro Cristina Kolumelah traerá á Casa da Cultura da Laracha Cosas de mi abuela, un espectáculo de narración oral escénica e teatro de obxectos.
Os eventos culturais organízanse coa colaboración da Deputación da Coruña e do programa Dinamiz-ARTj do Instituto Para la Transición Justa.
Actividades con inscrición requirida
O martes 10 de decembro ás 9:00 horas abrirase a inscrición nas dúas actividades infantís e xuvenís nas que se require a reserva ao ser as prazas limitadas. Poderase facer de xeito gratuíto cubrindo o formulario en liña a través da web e redes sociais municipais, ou ben acudindo ao Concello.
Unha delas é o obradoiro de cociña de Nadal no que os participantes aprenderán a elaborar turrón, galletas e cocadas. Realizarase na Casa da Cultura en dous días diferentes e un total de seis quendas. Serán os días 26 (alumnado de infantil e primaria) e 30 (alumnado de primaria) de decembro.
Para o público xuvenil (12 a 17 anos) vai dirixida a saída a boleira do Diver Jump Park de Carballo do día 27 a partir das 11:00 h.
Concursos de Nadal
Permanece aberto o prazo de inscrición nos concursos de Nadal convocados polo Concello. Os formularios están dispoñibles na web alaracha.gal.
Por segundo ano convocouse o de fachadas, balcóns e xardíns particulares que sexan visibles desde o exterior. A diferencia con respecto ao ano pasado é que se establecen dúas modalidades diferentes: a de vivendas unifamiliares e a de fiestras, balcóns e fachadas. Repartiranse en total 1.525 euros.
O concurso de escaparates alcanza a súa 29º edición. Neste caso pode inscribirse calquera tipo de establecemento do termo municipal que dispoña de escaparate exterior. A dotación económica dos premios é de 1.800 euros.
O certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” terá lugar o sábado 28 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha e vai dirixido ás asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio.
E no caso do concurso de postais dirixido ao alumnado de primaria dos colexios do municipio, o martes 17 a partir das 11:00 horas realizarase na biblioteca da Laracha a cualificación por parte do xurado composto por técnicos municipais e representantes de cada centro de ensino.
Cabalgata dos Reis Magos
A cabalgata dos Reis Magos pechará as Festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello. Do mesmo xeito que nos últimos anos, realizarase un percorrido polas trece parroquias do municipio os días 4 e 5 de xaneiro.
O día 5, trala cabalgata, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís, onde os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades desfrutando dunha festa infantil.